A Comandancia da Garda Civil recibiu este mércores a visita dun grupo de escolares dos colexios Santiago Apóstol, de Soutomaior; Riomaior, de Vilaboa; Lourido, Poio e o San José, de Pontevedra.
O alumnado puido comprobar as capacidades de distintas unidades da Garda Civil nesta provincia, como son o Subsector de Tráfico, Seprona, USECIC, o Equipo Pegaso, ou a actividade do laboratorio de criminalística da Policía Xudicial, tamén o labor dos axentes de Seguridade Cidadá ou o GEDEX (Grupo especial de desactivación de explosivos), ademais dos cans Marea e Bosco, pertencentes ao Servizo Cinológico, que realizaron un pequeno simulacro de detección de droga.
Estas visitas enmárcanse no Plan Director nos Centros de Ensino que durante este curso escolar recibiu máis de 800 solicitudes de charlas, dirixidas ao alumnado, profesorado e familias.
As charlas abarcan temas como a seguridade viaria, prevención de riscos derivados do consumo de drogas e alcol, acoso escolar ou violencia sobre a muller, entre outras.