Afundación puxo en marcha en Portonovo a campaña de sensibilización 'O mar empeza aquí', unha iniciativa cuxo obxectivo é concienciar sobre como os pequenos residuos que se arroxan na rúa acaban chegando ao mar a través da rede de pluviais.
A acción, desenvolvida en colaboración co Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia, enmárcase nos programas PLANCTO e 'Educación para a sustentabilidade'.

A proposta arrincou este martes coa participación de escolares do CEIP de Portonovo e de persoas voluntarias do club de xubilados de Portonovo e dos espazos+60 de Afundación, que axudaron a sinalizar distintos puntos da localidade co lema da campaña. Ademais, informaron os viandantes sobre o impacto de residuos como cabichas, chicles, papeis ou plásticos, que poden terminar directamente no mar.
A presentación contou coa presenza do director xerente de Afundación, Pedro Otero; a concelleira de Servizos Sociais e Maiores de Sanxenxo, Paz Gago; o responsable de Portos de Galicia na provincia de Pontevedra, Héctor Freijo; e o director de zona Arousa-Salnés de ABANCA, Víctor Moralejo. Todos eles destacaron a importancia de impulsar pequenas accións cotiás que, cun pequeno xesto, contribúen a mellorar a contorna.

A campaña incluíu o pintado dun muro por parte de escolares e voluntarios cun deseño da artista Rakele Cavallo para o que utilizaron pinturas fotocatalíticas con capacidade para absorber gases contaminantes. A instalación, creada por Tania Solla na contorna dun sumidoiro, pretende visibilizar de forma permanente a mensaxe de que o mar empeza en cada xesto cotián.
Segundo lembrou Afundación, o programa 'Educación para a sustentabilidade' busca fomentar o sentido de pertenza e a responsabilidade no coidado da contorna. A través dunha implementación transversal, pretende formar a unha xeración máis consciente e comprometida, así como promover a participación activa en iniciativas de sensibilización ambiental.

Outra das propostas é PLANCTON, mediante a que xa se retiraron máis de 160 toneladas de residuos mariños desde 2021. A entidade destaca ademais o papel de Naturnova, o seu centro de educación ambiental en Vigo, e outras propostas culturais e didácticas.
Neste sentido, a organización programou durante todo o mes de xuño distintas accións coincidindo co Día Mundial do Medioambiente e o Día Mundial dos Océanos. Entre elas destacan as limpezas de areais, a eliminación de especies invasoras, a cuarta edición de 'Goza da praia sen deixar pegada' e unha nova campaña de boas prácticas nos mercadillos portuarios.