Unha escultura lembra ás vítimas de accidentes de tráfico na PO-308 en Poio

Poio
14 de novembro 2025

Trátase dunha arpa en pedra do artista galego Hugo Santos, que busca transformar o miradoiro da Pinela nun punto de referencia para honrar a todas vítimas. Inaugurouse este venres

Inauguración en Poio da escultura en homenaxe ás vítimas de tráfico

Unha arpa en pedra do artista galego Hugo Santos transformou o miradoiro da Pinela, en Poio, nun punto de referencia para honrar a todas vítimas de accidentes de tráfico.

A escultura, instalada na senda da estrada PO-308, é unha homenaxe da Xunta de Galicia a todos aqueles que pereceron nas estradas.

Esta homenaxe inaugurouse este venres coa presenza da presidenta de Stop Accidentes, Jean Picard; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza; e o alcalde de Poio, Ángel Moldes.

A peza descubriuse durante unha homenaxe organizada por Stop Accidentes ás vítimas mortais de accidentes e ás súas familias.

Durante o acto, Martínez Allegue destacou a importancia de garantir o mellor estado de estradas, sendas e beirarrúas para que os usuarios, peóns e ciclistas circulen con seguridade.

Puxo como exemplo a senda da PO-308, entre Fontenla e Combarro, cunha previsión de prolongación até Covelo, que contribúe ao obxectivo de potenciar a mobilidade sostible.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que Galicia é referente nacional en materia de seguridade viaria e comprometeu que a Xunta "non deixará de traballar para alcanzar o obxectivo de cero vítimas de accidentes de tráfico".