O Castelo de Soutomaior xa está preparado para as novas visitas teatralizadas de Samaín. Este venres 6 de outubro será a primeira das citas e chega coas 720 prazas dispoñibles para todo o mes de outubro xa esgotadas.
Entre o 6 e o 28 de outubro terán lugar 24 pases dos cales 17 diríxense a familias e 8 a persoas adultas (a partir de 16 anos). En cada sesión participarán 30 persoas.
A xornada inaugural deste venres ás 20.00 horas é para público adulto e a primeira visita familiar será este sábado, 7 de outubro, ás 11:30 horas.
Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, como as familiares, dirixidas aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal.
As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de outubro) en horario de 20:00 horas, e nelas os participantes porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece.
As dirixidas ao público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes (os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida.