O salón de actos do Hospital Montecelo converteuse este xoves nun punto de encontro para profesionais sanitarios e investigadores na Xornada autonómica sobre a diagnose do cancro de pulmón, organizada pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
O evento abordou os retos da detección precoz desta enfermidade e presentou novidades no seu tratamento desde unha perspectiva multidisciplinar.
A inauguración contou coa participación de Sagrario Pérez Castellanos, subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables; José Flores Arias, xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés; e Luis Miguel Seijo Maceiras, director do Programa de Cribado de Cancro de Pulmón da Clínica Universidade de Navarra.
Na súa conferencia inaugural, Seijo destacou a importancia da detección temperá para mellorar a supervivencia e explicou como o cribado sistemático pode marcar a diferenza na evolución da enfermidade.
A continuación, unha mesa redonda centrouse na implementación destes programas, presentando os resultados do piloto realizado no Centro de Saúde do Ventorrillo (A Coruña) e a proposta de estender o programa LUNG-GAL a toda a poboación galega de alto risco, con atención especial aos estándares técnicos da tomografía computarizada de baixa dose.
A Comunidade galega foi pioneira en testar programas de cribado do cancro de pulmón. Tras os resultados positivos da fase piloto, en novembro de 2025 ampliouse o programa a todo o territorio galego, mantendo o carácter experimental dentro do proxecto LUNG-GAL. Nesta convocatoria participaron 48.000 persoas, das que 3.941 pertencen á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, todas elas con idades comprendidas entre os 55 e os 74 anos.
A xornada rematou cunha segunda mesa redonda centrada na actualización do tratamento do cancro de pulmón, na que participaron especialistas en oncoloxía médica, radioterápica, pneumoloxía e cirurxía torácica, xunto coa testemuña dun paciente.
Os expertos coincidiron en que unha abordaxe coordinada e multidisciplinar é fundamental para mellorar tanto os resultados clínicos como a calidade de vida das persoas afectadas.