Esperan que a construción do hospital Novo Montecelo termine "a finais deste ano"

Pontevedra
27 de febreiro 2025

Logo terán que facerse as certificacións e dotar do equipamento para que o persoal se poida trasladar na primeira metade do ano 2026

Visita ás obras do novo Hospital Montecelo
Visita ás obras do novo Hospital Montecelo / PontevedraViva

A delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizou este xoves unha visita á obra do hospital Novo Montecelo cuxa construción se espera ter terminada "a finais deste ano".

A comitiva, encabezada polo seu presidente Anselmo Villanueva, foi recibida polo xerente da Área Sanitaria, José Flores, e o subdirector de Calidade, Humanización e Atención á Cidadanía, Jorge García-Borregón, así como por persoal técnico da UTE Novo Montecelo formada por Copasa, Puentes e Ogmios.

José Flores comentou que "estamos súper satisfeitos pola progresión da obra, evidentemente, sempre os prazos poderían ser mellores, pero imos ser razoables, temos uns prazos axeitados, ordenados" e asegurou que "todo vai conforme ao que estabamos a pensar".

O xerente explicou que este 2025 "é o ano no que máis traballo nos queda por diante" e sinalou que xunto á parte da infraestrutura "en paralelo, estamos a facer moitas licitacións de moito equipamento" para dotar a Montecelo "da parte tecnolóxica máis moderna" que o converterá nun "referente" con fitos como o que sexa o primeiro hospital público de Galicia que contará con todos os quirófanos dixitalizados.

Visita a las obras del nuevo Hospital Montecelo
Visita ás obras do novo Hospital Montecelo PontevedraViva

A obra comezou en maio do ano 2021 cun prazo de execución de 42 meses pero o novo horizonte para ter concluída a construción do hospital está fixado "a finais deste ano" logo terán que facerse as certificacións e dotar do equipamento para que o persoal se poida trasladar na primeira metade do ano 2026.

"Evidentemente o traslado non vai ser fácil porque é un hospital que ten unha serie de características especiais" xa que unha parte dos servizos atópanse no Provincial e en Mollabao, "temos que facer aí un encaixe de moitas pezas".

Ese traslado "vai durar semanas" e será "milimétrico, cirúrxico, moi estudado". Comezará cos servizos que teñen "maior intensidade de interacción" e a continuación seguirán "os que teñen menos e os que necesariamente dependen uns doutros".

"Loxicamente ten que garantirse, primeiro de nada, que os pacientes van ter unha continuidade asistencial", en todo caso, "non hai unha orde escrita previa", resumiu Flores.

VISITA

Anselmo Villanueva destacou que as do novo Montecelo "son obras que se sitúan na vangarda" e comentou que "a industrialización deste edificio traspasa as fronteiras da propia autonomía", en referencia á creación de compoñentes do edificio en fábricas, que logo se ensamblan no lugar de construción.

Entre as vantaxes máis destacadas desta técnica atópase unha maior sustentabilidade, xa que se utilizan os recursos de maneira máis eficiente, redúcense os residuos e mellóranse os tempos de construción.

"É un edificio moi significativo para a cidade de Pontevedra, un orgullo", valorou o presidente do Colexio pontevedrés de Arquitectos.

Un dos guías durante a visita foi o director técnico da obra, o arquitecto Alberto Jorge Camacho, que sinalou que "porcentualmente, debemos estar nun 15% ou 18% de unidade de obra" polo que a construción do Novo Montecelo sitúase no 85% de execución.