O Concello de Marín celebrará a Festa Corsaria entre o venres 18 e o domingo 20 de agosto. Serán tres días de celebración intensa pero para evitar incidencias, o goberno local ha establecemento unha serie de normas para os locais de hostalería con terraza na zona do centro onde se desenvolve o evento.
As normas indican que os carteis e material deseñado para a Festa Corsaria serán elaborados en lingua galega e adaptados á época; e o persoal e o exterior dos establecementos deberán presentar unha ambientación acorde con esta celebración.
En canto á limpeza, o Concello lembra a cada local que será responsable do espazo utilizado e de non deixar restos de materiais, lixo, manchas de graxa ou similares no espazo público.
Aqueles establecementos que queiran facer lume ou participar no Concurso de Decoración deberán entregar a solicitude por rexistro antes do sábado 12 de agosto.
No caso de lume ou de grellas só se poderán establecer no espazo asignado polo Concello. Queda prohibido facer lume baixo toldos, instalacións eléctricas ou outros elementos susceptibles de arder.
Adoptaranse medidas necesarias para impedir o acceso ao lume e para evitar graxas ou aceites e que o chan permaneza limpo por parte dos locais. Tamén deberán dispoñer de extintores ou de acceso á toma de auga.
Cada día, segundo o Concello, deberá quedar a vía pública en perfectas condicións e o luns 21 de agosto, ás 09.00 horas, deberá estar despexada de todo material utilizado na festa, ademais de permanecer limpa e baldeada.