"Estamos ante un día triste", asegura a Xunta sobre o "golpe irreversible para Galicia" que supón a sentenza de ENCE

Pontevedra
16 de xullo 2021

Así o defendeu o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde. "Dificilmente nestes momentos podemos avaliar o seu impacto real", asegura o representante do goberno autonómico

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia defendeu que "estamos ante un día triste" tras coñecer a sentenza da Audiencia Nacional anulando a prórroga da concesión a ENCE na súa actual localización de Lourizán.

Segundo o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, a decisión terá "impacto no sector forestal, no sector loxístico... en definitiva é un golpe irreversible para Galicia".

Para o responsable do goberno autonómico "dificilmente nestes momentos podemos avaliar o seu impacto real".

Conde defende que se trata da consecuencia de "unha decisión política neste caso do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego, que teñen decidido pechar unha empresa e polo tanto condicionar o futuro de 500 familias que neste momento están nunha situación de non retorno".

Trátase, asegura o conselleiro, dunha situación "inxusta porque non parece razoable que por unha decisión política se estea condenando o emprego industrial en Galicia".

Por último o vicepresidente económico da Xunta pediu ao "goberno do Partido Socialista apoiado polo BNG, que ten tomado esta decisión, poña enriba da mesa as alternativas que poidan atenuar o impacto desta decisión", aludindo á repartición de fondos europeos como posible vía para "dar unha resposta á súa propia decisión que é pechar ENCE".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en