Pontevedra conta os días para a celebración da gala dos Feroz, que terá lugar no Recinto Feiral o vindeiro sábado 24 de xaneiro.
Para iso, o Concello, a Policía Local e a organización prepararon un plan de mobilidade específico para a gala e así garantir a seguridade e goce durante a súa celebración.
As medidas iranse aplicando de maneira progresiva, minimizando as molestias para os usuarios dos estacionamentos da zona.
Desta maneira, a partir do luns 19 de xaneiro prohibirase aparcar na franxa pegada á fachada do Recinto Feiral, na rúa Alexandre Bóveda, para montar as instalacións técnicas, deixando dispoñible o resto da superficie.
Na chaira superior do Pazo da Cultura acoutarase espazo para unha carpa de 40 metros que protexerá a alfombra vermella, mantendo accesos vehiculares habituais con saída habilitada por un carril cara á rúa Rafael Areses, xunto á estatua de Rosalía de Castro.
Estas restricións prolongaranse até o martes 27 de xaneiro.
O venres 23, ás 09:00 horas, pecharanse completamente os estacionamentos do Recinto Feiral en Rafael Areses e a chaira do Pazo, reabrindo o domingo 25 pola mañá.
O sábado 24, o mercado ambulante operará con normalidade até o mediodía, momento en que se clausurará a rúa Rafael Areses ao tráfico xeral para dar paso exclusivo aos vehículos dos nomeados cara á alfombra vermella.
A costa de baixada da chaira quedará bloqueada durante a tarde, ao ser a vía de entrada e saída da comitiva oficial.
O acceso das persoas que desexen ver a alfombra vermella realizarase polas costas da chaira desde a avenida de Compostela ou por Rafael Areses, próximo á Policía Local.
Quen asista á retransmisión da gala no Pazo da Cultura usará o mesmo acceso.
A entrada ao Recinto Feiral por Alexandre Bóveda, para evitar aglomeracións, resérvase só para invitados acreditados.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.