Este martes comeza a reforma do campo de herba sintética da Xunqueira

Pontevedra
01 de maio 2017

As obras que teñen un orzamento de 272.000 euros, arrancan coa retirada do céspede actual. Terá un prazo de execución duns dous meses. O Concello ten contactado cos equipos que empregan esta instalación que serán resituados noutras dependencias deportivas do concello

Campo de herba sintética da Xunqueira
Campo de herba sintética da Xunqueira

O Concello de Pontevedra inicia este martes os primeiros traballos para a renovación do campo de herba sintética da Xunqueira. É un proxecto que ten un custe de 272.243,14 euros, adxudicado á empresa Mecano Sport, que estivo agardando ata o mes de maio para iniciar os traballos.

O contrato foi adxudicado a finais de outubro do ano pasado, pero a Concellaría de Deportes negociou coa empresa para que os traballos comezasen nesta primavera e intentar non interferir no xogo dos equipos que a diario empregan estas instalacións municipais, especialmente, para que non afectase ás competicións oficiais.

Sen poder agardar máis por compromisos da empresa, a Concellaría de Deportes arranca este martes a obra logo de manter contactos cos equipos que teñen competición oficial nestas instalacións. A reforma ten un prazo de execución duns dous meses.

Os traballos que se farán son:

  • Retirada a capa de céspede artificial comprobarase o estado da superficie e procederase á regularización e posterior compactación para reparar as zonas danadas e eliminar posibles irregularidades nas pendentes.
  • Construirase unha beirarrúa perimetral ao campo de fútbol.
  • Mellorarase a drenaxe do campo.
  • Instalarase unha base elástica prefabricada de tres capas.
  • Instalación de céspede artificial de última xeración testado en laboratorio conforme aos criterios FIFA Quilite. Incluirase nesta actuación a marcaxe do campo de fútbol 11 e de dous campos de fútbol 7 cumprindo coa regulamentación RFEF.
  • O campo será obxecto de homologación, con cargo ao contratista, pola FI co nivel FIFA Quality.
  • Instalarase unha nova varanda perimetral.
  • Substituiranse as porterías de fútbol 11 e colocaranse catro novos bandeiriñas de córner.

 

As melloras que ofertou a empresa para esta obra son:

  • Incremento do prazo de garantía a 9 anos (na licitación era de 1 ano)
  • Mantemento anual do sistema do céspede é por 12 anos (a licitación era dun ano)
  • Mellora o grosor e o peso da fibra
  • Subministra un xogo de banquillo
  • Dous xogos de portería fútbol 7
  • Dous canóns de rego
  • Iluminación da bancada.

 

O campo municipal de herba sintética A Xunqueira foi o primeiro de herba sintética que houbo na cidade e a día de hoxe ten practicamente esgotada a súa vida útil. É do ano 1999 e foi obxecto dunha primeira renovación no 2005.