Estrea dunha gaiola de lanzamento na pista de atletismo de Fontecarmoa

O Salnés
24 de febreiro 2023

O Concello de Vilagarcía de Arousa destinou 78.000 euros á instalación dunha nova gaiola de lanzamento no estadio de atletismo de Fontecarmoa e á construción dun almacén nas instalacións anexas ao campo Manuel Jiménez   

Imaxe da gaiola de lanzamento no estadio de atletismo de Fontecarmoa Concello de Vilagarcía de Arousa

A Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía completou dúas novas actuacións de mellora das instalacións deportivas do Concello: a instalación dunha nova gaiola de lanzamento no estadio de atletismo de Fontecarmoa e a construción dun almacén de obra nas instalacións anexas do campo Manuel Jiménez. A execución destas dúas obras supuxo un investimento de 78.000 euros.

A compra e instalación da nova gaiola de lanzamentos de peso e martelo era unha medida que, segundo indica o Concello, "viñan demandando dende hai un tempo dende a Agrupación Atlética Mazí". 

Ademais, aseguran que "atendendo igualmente as suxestións do club de atletismo, tamén se modificou a composición dos dous círculos de lanzamento que existían e que agora se reducen a un xa que, co uso dun redutor tamén adquirido, é posible que nas competicións só haxa que instalar unha medición única para as distintas modalidades de lanzamentos".

En total, a renovación e desprazamento da gaiola de lanzamento tivo un custe de 34.000 euros nos que se inclúen a compra do equipamento e a obra civil. Dende o Concello explican que a execución dos traballos se demorou algún tempo máis do previsto debido a que houbo que esperar a que a empresa subministrara a instalación e, despois, esperar a que remataran as intensas chuvias que se produciron a finais de ano.

A segunda mellora xa rematada foi a construción dunha caseta de obra no campo de fútbol Manuel Jiménez, situado a carón do estadio de atletismo. A construción do almacén ten o obxectivo de que os clubs usuarios do Manuel Jiménez poidan gardar nela o seu material deportivo e a Fundación o material de mantemento das instalacións. A construción do almacén supuxo un investimento de 43.800 euros.