O Centro Comercial Aberto Estrela de Marín organiza do 30 de marzo ao 30 de abril a campaña 'As compras que volven', unha iniciativa orientada a incentivar o consumo no comercio local, premiar a fidelidade da clientela e reforzar o uso do Club de Fidelización Comercio de Marín.
A acción repartirá 400 euros en premios en dous sorteos quincenais de 200 euros cada un, que permitirán aos compradores recuperar o importe dos seus tickets.
Para participar será necesario rexistrar as compras realizadas en tendas adheridas ao CCA a través da web www.comerciodemarin.com/sorteos ou ben mediante a APP Comercio de Marín.
Só admitirán tickets de importe superior a 10 euros, que se converten automaticamente en participacións nos sorteos.
A campaña permitirá transformar as compras dos gañadores en compras gratuítas, xa que o importe do ticket premiado volve á persoa gañadora en forma de saldo acumulado no seu cartón de fidelización.
Para equilibrar a cantidade de premios e repartilos entre máis compradores, estableceuse un límite máximo de 50 euros por ticket premiado.
Xunto á campaña principal desenvolverase a acción paralela 'Os Escaparates Estrela', que consiste na publicación en redes sociais de escaparates dixitais compostos por seis produtos de distintos comercios participantes.
As persoas interesadas deberán comentar nas publicacións indicando a suma que cren que alcanzan os artigos mostrados, sen superar o importe real, e quen máis se aproxime ao valor sen excedelo levará un cartón regalo de 30 euros para gastar no comercio local.
A programación de 'As compras que volven' finalizará o 30 de abril cunha mini feira de xogos tradicionais na Alameda Rosalía de Castro, que se trasladará ao Multiusos da Praza de Abastos en caso de choiva.
O evento reunirá 15 xogos tradicionais distribuídos en 6 jaimas, dirixidos especialmente ao público familiar. O obxectivo, sinalan, é encher a zona comercial de actividade e prolongar a permanencia nas zonas comerciais.
Para participar na mini feira, será necesario presentar un ticket de compra realizado nun establecemento asociado ou acreditar a condición de socio do Club de Fidelización Comercio de Marín, vinculando así a actividade co apoio ao comercio local.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.