Estudan alternativas para reformar a PO-546 entre Mollavao e Praceres

Pontevedra
31 de agosto 2021

Cinco meses terá de prazo a empresa contratada pola Xunta de Galicia para estudar posibles alternativas para acometer a reforma da PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, entre o seu inicio en Mollavao e a entrada ao porto de Marín, nos Praceres

PO-546, coñecida como estrada vella de Marín
PO-546, coñecida como estrada vella de Marín / Mónica Patxot

Cinco meses terá de prazo a empresa contratada pola Xunta de Galicia para estudar posibles alternativas para acometer a reforma da PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, entre o seu inicio en Mollavao e a entrada ao porto de Marín, nos Praceres.

Para a redacción desta análise, que deberá estudar a viabilidade técnica, económica, ambiental e social de distintas alternativas para mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria da estrada, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará preto de 17.500 euros.

O estudo avaliará a posibilidade de implantar unha senda peonil e ciclista ao longo da estrada, así como outras opcións de conexión con itinerarios existentes ou proxectados.

Tamén se analizará a creación dalgunha zona de aparcadoiro disuasorio ou a mellora das paradas de transporte público e proporanse medidas adicionais de mellora da seguridade viaria, accesibilidade e integración urbana para a estrada.

A intención é que este documento sirva tamén para, no futuro, axilizar a redacción do proxecto construtivo que se deseñe para a reforma desta vía de titularidade autonómica.

Esta actuación complementará á que a Xunta impulsa nesta mesma estrada na zona de Estribela. Na actualidade, estase a ultimar o proxecto para sometelo a información pública neste mes de setembro e poder, a continuación, licitar as obras.