O goberno municipal está decidido a poñer fin, dunha vez por todas, ao abandono que a antiga pista BTT situada no parque do Miradoiro de Monte Porreiro. Estudarán convertela nunha área pump-track, a primeira que habería en todo o municipio.
Ata a zona desprazáronse este martes o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; o presidente da asociación de veciños O Mirador, Carlos Diéguez; e Miguel Rúa, responsable da empresa Velosolutions.
Esta compañía, especializada neste tipo de circuítos, será a que realice os estudos para comprobar se esta zona é adecuada para un equipamento destas características, así como a redacción do futuro proxecto se a iniciativa sae adiante.
"Queremos estudar posibles solución para toda esta zona verde", sinalou o edil socialista, que recoñece que o actual circuíto BTT está nun estado "mellorable" e converteuse nunha das principais preocupacións dos veciños do barrio.
Esta actuación enmarcaríase na restauración de toda esta zona verde, integrándoa nos xardíns do propio miradoiro e os que se abrirán á cidadanía ao redor do centro asociado da UNED, "o maior espazo verde que hai en Monte Porreiro".
Puentes sostivo que este proxecto encaixaría na filosofía de "darlle máis utilidade" aos espazos verdes "máis aló do paseo e do esparexemento", compatibilizándoos co lecer.
Miguel Rúa explicou que a súa compañía oferta dous tipos de circuítos, un para adultos con obstáculos "de todo tipo" e, se o tamaño da parcela é o adecuado, tamén un para nenos con módulos máis baixos "para que haxa espazo para todos".
Ese sería o caso de Pontevedra, que contaría cun circuíto pump-track adaptado para bicicletas, patíns ou skate, en todo caso vehículos sen motor, que estaría a integrar no espazo natural ao contar con zonas axardinadas.
"Traballamos deseños que sexan medianamente dinámicos, que non sexan simples nin monótonos e que teña cambios de liñas para os usuarios de máis nivel", sinalou.
O asfalto do pavimento sería "o mínimo posible", segundo o construtor, que estima un custo duns 70 euros o metro cadrado "totalmente terminado", incluído o axardinamento da zona, a habilitación dos accesos ou a instalación do mobiliario urbano.
O Concello estima un investimento aproximado duns 50.000 euros máis IVE.
Carlos Diéguez, pola súa banda, sinalou que os veciños "só podemos darlle a benvida a este proxecto", xa que lembrou que "levabamos pedindo moitos anos" unha actuación para mellorar o parque do Miradoiro.
"Estamos tremendamente alegres de que isto se retome e póidase levar a cabo", sentenciou.