Estudan que os cambios na circulación aplicados no contorno da Barca sexan definitivos

Pontevedra
23 de outubro 2013

O primeiro día do peche do carril de saída cara a Poio na Ponte da Barca foi tan positivo, segundo o goberno municipal, que non se descarta a posibilidade de que os cambios de circulación aplicados en toda esa zona pasen a ser definitivos. Así o recoñeceu este mércores o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera. "Temos dous meses para tomar esa decisión", explicou, o tempo que se calcula que duren as obras na Barca

Corte de tráfico na ponte da Barca
Corte de tráfico na ponte da Barca / Mónica Patxot

O primeiro día do peche do carril de saída cara a Poio na Ponte da Barca foi tan positivo, segundo o goberno municipal, que non se descarta a posibilidade de que os cambios de circulación aplicados en toda esa zona pasen a ser definitivos. Así o recoñeceu este mércores o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera. "Temos dous meses para tomar esa decisión", explicou, o tempo que se calcula que duren as obras na Barca.

Segundo César Mosquera, o eixe formado por Alameda, Echegaray, Jofre de Tenorio e Alfonso XIII é unha das zonas "máis castigadas" polo tráfico na cidade, algo que supón un perigo para a seguridade vial das "miles" de persoas que viven nese barrio e aqueles que se achegan aos equipamentos que hai nel: o centro de saúde de Virxe Peregrina, os colexios Froebel e Doroteas, a Facultade de Belas Artes ou a Biblioteca municipal.

A iso súmase os problemas de conexión peonil que existe entre A Caeira e O Burgo e, en xeral, entre Pontevedra e Poio pola Barca. Por iso é polo que, en función de como resulte este corte provisional, estudarase manter esta nova reordenación do tráfico que, a grandes liñas, supón impedir o acceso á Ponte da Barca desde Alfonso XIII e Echegaray, que xunto con Alameda e Jofre de Tenorio quedarían reservadas para residentes e servizos.

En todo caso non se descartan "reaxustes" neste operativo nos próximos días. Tras detectar "problemas esperados" na rúa da Barca, Jofre de Tenorio e Domingo Fontán, a Policía Local trata de determinar onde estará o "punto de carga" cara ao que se dirixirá ese fluxo de vehículos, que podería obrigar a ampliar o dispositivo especial de tráfico. Saberase, aproximadamente, "en dúas ou tres semanas", dixo Mosquera.

A reordenación de tráfico desta zona obrigado polas obras do abastecemento de auga na Barca funcionou, sinalou o concelleiro nacionalista, "mellor do previsto". Iso reafirma a aposta do goberno municipal por limitar A Barca ao tráfico que procede de Poio. Mosquera recordou que esta proposta xa foi plantexada desde hai tempo, por primeira vez en 1997, polos dous concellos, ao que a Xunta "sempre se negou".

Ante a ausencia de "puntos de encontro" co goberno galego sobre a Ponte da Barca, o Concello pretende asumir a responsabilidade destes cambios, xa que a Policía Local "xa tiña toda a información de festas, eventos deportivos e informes previos" de que esta reordenación serviría para aliviar o tráfico na zona, polo que insistiu en que, respecto dun cambio definitivo, "estamos radicalmente convencidos de que funcionaría".