Este xoves 11 de decembro, o grupo de 23 estudantes do Ciclo Superior de Dirección de Cociña de 1º curso do CIFP Carlos Oroza iniciará a primeira fase dun reto intermodular posto en marcha no mes de outubro. A actividade consiste en deseñar e elaborar un menú empregando produtos con distintivos de calidade diferenciada, á vez que se respecta un orzamento previamente establecido.
Para iso, o alumnado organizarase en tres equipos de traballo, que deberán realizar a compra da materia prima necesaria no supermercado GADIS da rúa Benito Corbal. Cada equipo disporá dun cheque agasallo de 100 euros, cantidade coa que deberán adquirir todos os ingredientes do seu menú, axustándose estritamente ao importe indicado. O profesorado, que estableceu as condicións de partida, actuará unicamente como asesor, intervindo só para resolver dúbidas puntuais.
Os equipos contarán con dúas horas, entre as 09:00 e as 11:00, para efectuar a compra e realizar os cálculos necesarios directamente no establecemento. Esta dinámica pretende que o alumnado tome conciencia do custo real da materia prima e da importancia de respectar un orzamento antes da comercialización dun produto culinario, un aspecto clave na xestión profesional de cociña.
O menú deseñado por cada equipo deberá estar preparado para cinco persoas e incluír dous petiscos, un entrante e un prato principal. Ademais, deberán cumprirse unha serie de requisitos como o de gastar exactamente 100 euros, sen superar nin quedar por debaixo desa cifra.
Tamén teñen que empregar o maior número posible de produtos con calidade diferenciada, con selo DOP ou IXP, priorizando aqueles de procedencia galega.
No caso das preparacións en formato take-away, estas deberán ir correctamente etiquetadas, incluíndo composición nutricional aproximada, instrucións de consumo e data de caducidade.
Ademáis valorarase tamén o aproveitamento integral da materia prima, evitando o desperdicio alimentario.
Unha vez realizada a merca, o alumnado durante a xornada de tarde comezará co proceso de elaboración e posta a punto dos menús nos talleres de cociña do CIFP Carlos Oroza, e o venres materializarán as 15 racións (5 por cada equipo) dos tres menús propostos para que o profesorado poda finalizar o proceso de avaliación desta primeira fase do reto intermodular.