Estudantes pontevedreses arrasan na VIII Olimpíada de Enxeñaría de Camiños

Pontevedra
04 de marzo 2026
Actualizado: 13:38

Os centros pontevedreses coparon o podio: o CPR Sagrado Corazón acadou o primeiro e segundo posto e o IES Mestre Landín foi terceiro no seu debut

Alumnos participantes en la Olimpiada

Os centros pontevedreses brillaron con luz propia na VIII Olimpíada de Enxeñaría de Camiños celebrada na Coruña.

O pasado 3 de marzo, as instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña convertéronse nun auténtico laboratorio de talento novo, onde os equipos da provincia coparon o podio nunha xornada marcada pola creatividade, a precisión e o traballo en equipo.

O primeiro e segundo posto foron para o CPR Sagrado Corazón de Xesús de Pontevedra, mentres que o IES Mestre Landín de Marín asinou a terceira posición no seu debut na competición.

O alumnado demostrou soltura técnica, capacidade organizativa e unha admirable coordinación baixo presión. Para moitos deles era o primeiro contacto cunha competición deste nivel, e responderon con solvencia ante retos que esixían concentración, rapidez e enxeño.

A Olimpíada, dirixida a estudantes de 1º e 2º da ESO, busca achegar a profesión da Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos ás aulas e fomentar competencias como o liderado, a planificación ou a resolución de problemas en tempo limitado.

A competición puxo a proba as habilidades do estudantado a través de seis desafíos relacionados coa enxeñaría civil.

Durante a xornada tiveron que construír un arco autoportante sen cimbra en apenas quince minutos, montar unha ponte de madeira capaz de soportar ata 30 quilos, deseñar un dique que retardase a infiltración da auga e resolver probas gráficas sobre grandes infraestruturas.

Tamén afrontaron unha simulación loxística cun camión teledirixido e retos estruturais mediante software específico. Cada exercicio puntuaba segundo a posición acadada, e a suma total determinou a clasificación final.

Alumnos participantes na VIII Olimpíada de Enxeñaría de Camiños    IES Mestre Landín

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora