Etiqueta Negra estrea a súa sexta edición apostando por "promover a innovación, a calidade e tamén a proximidade"

Pontevedra
12 de novembro 2022

O Recinto Feiral de Pontevedra acolle desde este sábado 12 de novembro e durante tres días a sexta edición da feira de produtos gourmet Etiqueta Negra

Inauguración da sexta edición de Etiqueta Negra
Inauguración da sexta edición de Etiqueta Negra / Cristina Saiz

Os padais máis curiosos e esixentes teñen unha cita desde este sábado 12 de novembro e durante tres xornadas coa sexta edición da feira de produtos gourmet Etiqueta Negra, que abriu as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra.

"Estou segura, porque pasa todos os anos, que esta feira será un auténtico triunfo", defendeu na inauguración do evento a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.

En total serán "80 produtores, 20 deles novos" os que exhibirán os seus produtos e ideas no evento, no que participan numerosos profesionais do sector da alimentación pero que tamén está aberto ao público, cunha entrada diaria de 3 euros e un abono de 5 euros.

En Etiqueta Negra "se fai innovación, se fan produtos gourmet, aprovéitanse as materias primas próximas, e polo tanto esta feira está nunha liña moi correcta de promover a innovación, a calidade e tamén a proximidade", destacou no acto de inauguración o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

Ademais na apertura oficial da feira participaron Miguel Ángel Vázquez, delegado comercial de Estrella Galicia como patrocinador oficial; Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza; José Ramón García Guinarte, xerente da Mancomunidade do Salnés; e Manuel González, deputado provincial.

Por diante tres xornadas de cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, catas e outras moitas actividades. Todo en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas (ata as 20.00 horas o luns).

No que respecta a a súa xornada inaugural, na programacuón deste sábado destacaba unha exhibición de cociña en directo dos chefs Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, do restaurante Ceibe de Ourense; a Cata Especial Miel Valdabelta impartida por Manuel Simáes, Premio Nacionat de Gastronomía ao mellor Catador de Restauración en 2019; ou un taller dedicado á preparación de tapas creativas impartido por Indo e Vindo. Todo iso sen esquecer o punto musical que se estrea por primeira vez en Etiqueta Negra con sesións de tarde, emmpezando na súa primeira xornada ás 19.45 horas con Beti de la Church.