Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións do Concello de Pontevedra, respondía este venres a Iván Puentes sobre o ofrecemento realizado polo PSOE ao BNG para retomar as negociacións para establecer un pacto de goberno no Concello de Pontevedra.
Para a representante nacionalista "a man tendida a negociar parece man aberta para dar". Explicou que a ruptura co PSOE "é clara desde o pleno" ao acordar co PP "cousas básicas de goberno sen plantexalas ao BNG". Unha acción que considera unha manifestación de que rompían as negociacións ou de que os socialistas non teñen intención de negociar ou de entrar a gobernar co BNG no Concello.
Engadiu que o escrito enviado polo PSOE nas últimas horas "abunda nesa decisión que teñen tomada de non entrar a gobernar" ao entender que o contido do escrito é "claramente irrealizable" ao tratar cuestións como a apertura de Raíña Vitoria ou establecer unha gran demanda de investimentos económicos.
A continuación, a alcaldesa en funcións pedía ao PSOE local que mantivese a "mesma claridade que en Santiago" ao entender que teñen decidido desde o principio non entrar a gobernar. "Alí dixérono desde un principio en lugar de tentar vestir unha xustificación que claramente inviabiliza calquera tipo de acordo", argumentou Vilaverde.
"Seguimos abertos ao futuro, cando cambien de idea e manifesten a súa intención de negociar ou chegar a algún tipo de acordo con nós estaremos dispostos a escoitalos. Mentres tanto, andar as voltas e a disfrazar non nos leve a ningún lado", concluíu.
ANUNCIO DE ESCRACHES
Ademais, Eva Vilaverde transmitiu o seu malestar despois de que esta mañá a Subdelegación do Goberno remitise ao Concello a solicitude realizada por Marga González, presidenta dos ambulantes, de levar a cabo escraches con cacerolada diante da casa do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e diante da casa familiar da concelleira Anabel Gulías os dous primeiros días da próxima semana e o luns 14.
Lamentou que Marga González, que figurou como número 10 nas listas do PSOE local nas pasadas eleccións municipais, realizase esta solicitude ante a Subdelegación do Goberno: "esta comunicación paréceme de todo menos unha man tendida a negociar", asegurou explicando que ademais o escrache previsto a Anabel Gulías realizarase cando a familia celebre o aniversario do fillo de tres anos da concelleira responsable de mercados.
PontevedraViva confirmou que a Subdelegación do Goberno autoriza estas accións de protesta, promovidas desde a asociación de ambulantes, previstas para os días 7, 8 e 14 de agosto.
Finalmente, o colectivo de ambulantes decidía desconvocar a primeiras horas da tarde deste venres estas protestas na parroquia de Marcón ata manter un encontro coa concelleira Anabel Gulías, segundo indica Marga González.