Excarceran un condutor de 37 anos que impactou contra un muro en Cambados

O Salnés
21 de xaneiro 2024

O accidente producíase arredor das 04.20 horas na PO-550 ao seu paso polo lugar da Barca en Castrelo, no municipio de Cambados. O condutor, veciño de Meaño, quedou atrapado no interior do vehículo tras o brutal impacto

Accidente en Castrelo, Cambados
Accidente en Castrelo, Cambados / Servizo de Emerxencias

Ao redor das 04.24 horas da madrugada deste domingo, o servizo de Emerxencias do 112 Galicia era alertado dun accidente que se producía na estrada PO-550 ao seu paso polo lugar da Barca, na parroquia de Castrelo, no municipio de Cambados.

O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados trasladábase ata o lugar. O condutor do turismo, de 37 anos e veciño de Meaño, atopábase atrapado no vehículo, despois de saír da vía por causas que se investigan e impactar brutalmente contra un muro.

Os efectivos de emerxencias procedían á excarceración. Unha vez que lograban retirar ao home do vehículo, o persoal sanitario facíase cargo do ferido.

Debido ao accidente, o coche causou danos nun poste de subministro eléctrico, nunha parada de autobús e no muro dunha finca.

Na intervención participaba unha ambulancia do 061, persoal médico do centro de saúde de Cambados, axentes da Garda Civil de Tráfico, Atestados e Elecnor.