Mal verán nas estradas pontevedresas en cuestión de sinistralidade. Houbo cinco falecidos en accidentes de tráfico fronte aos tres dos meses de xullo e agosto de 2024 e os hospitalizados pasaron de 12 a 31, isto é, houbo dous mortos e 19 feridos máis.
Os datos facilitounos o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nunha rolda de prensa de balance do verán 2025 acompañado pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o capitán do subsector de Tráfico, Antonio Pérez Piteira.
A pesar desas cifras relativas a falecidos e feridos, de media, houbo un "lixeiro descenso" nos accidentes. Así, entre xullo e agosto rexistráronse 175, fronte aos 182 do ano anterior, e o verán quedou "lixeiramente por baixo" da media dos últimos cinco anos, situada en 180.Ademais de facer balance da sinistralidade, fixeron unha análise do comportamento dos condutores e dos principais motivos de preocupación dos responsables da xestión do tráfico, que seguen a ser a velocidade, o alcol e as drogas e os usuarios máis vulnerables -motoristas, peóns ou ciclistas-.
Abel Losada quixo "apelar á prudencia" dos condutores tras este verán, pois "chega o inverno, as condicións do firme empeoran, con menos visibilidade e, por tanto, cun risco obxectivo maior, sen ningunha dúbida".
En relación coa velocidade, segue sen control conducir por encima dos límites permitidos é o motivo de denuncia que máis creceu este verán, demostrando que aínda queda moito por traballar na materia e que a DXT e o subsector de Tráfico exercen un férreo control sobre esta situación. "Están a pé de obra", resumiu Losada.
Ademais, quixo chamar a atención sobre o feito de que o subsector de tráfico no verán, ademais de asumir os labores de denuncia e control do tráfico, asume infinidade de festas ou probas deportivas e os "danos colaterais do lecer dos cidadáns", que "indubidablemente obrigan a desdobrarse".
Así, no verán impuxéronse un total de 15.904 denuncias, un 28% máis que o verán anterior, pero ese aumento é significativamente superior no caso do exceso de velocidade, que derivou en 10.344 denuncias, un 46% máis.
"A verdade é que é preocupante porque o exceso de velocidade, xunto coas distraccións, son as dúas causas fundamentais dos accidentes de tráfico", sinalou Losada.
Tamén centrándose nos motoristas. Entre estes condutores, "a infracción fundamental é o exceso de velocidade", con 217 denuncias entre xullo e agosto.

No caso dos motoristas, houbo 768 denuncias, un 31% máis que no verán do ano pasado. Tras o exceso de velocidade, destacan as denuncias por infraccións que teñen que ver cos adiantamentos en liña continua (183) e a sinalización vertical e horizontal (148).
Pon o foco nos usuarios vulnerables, pois do cinco falecidos, dous eran motoristas e dous tiñan máis de 80 anos -faleceron nun único accidente en Silleda en xullo-. A parte positiva do balance é que todos estaban a adoptar as medidas básicas de seguridade, tanto o cinto como o casco.
En relación coas denuncias, tamén houbo incremento este verán noutro tipo de infraccións. Aumentaron un 11% as presentadas por alcoholemias positivas (1.195 en total), un 18% as de drogas (368) e un 18% por distraccións co móbil (461).
Tan só descenderon, nun 10%, as denuncias por non levar cinturón e Sistema de Retención Infantil, cun total de 457. Con todo, crceieron un 39% as realizadas por non usar casco. .
Mención especial fixo tamén ás denuncnias que tiveron repercusións penais, isto é, aos usuarios cuxa actuación implica a comisión dun delito. Tamén neste punto aumentaron con relación ao ano anterior, con 144 denuncias, un 16% máis.
A maior parte das denuncias foron por alcoholemias positivas (65), seguidas da condución sen permiso en vigor (22).