Exención de impostos e aposta pola venda online, medidas do Concello de Marín para salvar a súa economía

Marín
30 de abril 2020

Os concelleiros de Facenda e Comercio informou este xoves aos representantes dos partidos da oposición na Mesa de Traballo polo Comercio das iniciativas postas en marcha para axudar aos comerciantes marinenses

Mercado ambulante de Marín dos xoves
Mercado ambulante de Marín dos xoves / PontevedraViva

A Mesa de Traballo polo Comercio do Concello de Marín reuniuse este xoves para dar conta das principais medidas adoptadas polo goberno local no que respecta a este sector. Os edís de Facenda, Manuel Santos; e de Comercio, Cristina Acuña; explicaron aos representantes dos grupos de PSOE e BNG que os esforzos do Concello centráronse principalmente en dar facilidades aos empresarios á hora de abonar os impostos municipais.

Neste sentido, o executivo que dirixe María Ramallo ampliou os prazos de pago voluntario en diversos tributos e mesmo aprobou a exención total do pago da taxa por ocupación de vía pública de mesas e cadeiras durante o 2020 e 2021.

"É unha medida que pode axudar moito aos locais de hostalería”, recoñece Santos Costa, que sitúa á hostalería como un dos sectores que sairá máis castigado da crise. 

Doutra banda, a titular de Comercio adiantou que esta fin de semana lanzarase a campaña de dinamización "que pretende ser un revulsivo para a nosa economía local, dotándoa dun espazo online que mellore a súa visibilidade no mundo virtual", explicou Acuña.