O Batallón do Cuartel General Galicia VII da Brilat e un continxente da Garda Civil, composto por varias especialidades, realizaron na tarde deste mércores unha exhibición en Ponte Caldelas co gallo da celebración do 210º aniversario da Batalla contra os franceses librada ás beiras do río Verdugo. Unha cita que se ía a celebrar no mes de xuño pero que por cuestión meteorolóxicas se tivo que pospoñer ata este mércores.
A xornada comezou cedo, cunha marcha duns 25 Km dende a Cruz do Brasil (en Xustáns) ata o casco urbano a onde chegaron ás 14:20 horas.
O acto público comezou ás 18:00 horas, cando un pelotón de protección equipado desprazouse pola rúa da Ponte ata a Praza de España, onde se simulou un ataque terrorista cun suposto suicida.
A exhibición incluíu tamén o despregue e exposición de medios tanto da Brilat como da Garda Civil na Alameda de Ponte Caldelas.
A xornada completouse coa presenza dunha parte da Banda de Guerra da Brilat, que interpretou de diferentes pezas, entre outras, a Muiñeira de Ponte Sampaio, en alusión á batalla contra as tropas napoleónicas.
O acto institucional rematou cunha homenaxe aos caídos facendo unha especial mención aos soldados e veciños de Ponte Caldelas que morreron no combate do Verdugo en 1809 durante a Guerra da Independencia.