O desfile de comparsas de Soutomaior puxo o broche de ouro a un "exitoso" Entruido cheo de cor, alegría, diversión e, sobre todo, moita festa.
Os pasacalles arrancou desde a rúa Calvario cun primeiro tramo silencioso para que todas as persoas puidesen gozar en igualdade de condicións desta cita tan esperada.
Fantasía, circo, costura, xogos, aventura, viaxes, natureza ou personaxes históricos e da realeza foron algunhas das temáticas escollidas este ano para un desfile que estivo encabezado polo pregoeiro Juan de Arcade.
O home, popular e coñecido no municipio, escolleu un disfrace que fixo referencia á estética de Cristina Pedroche nas badaladas de fin de ano, co que percorreu todas as rúas entretendo e saudando a todas as persoas asistente.
No desfile participaron once comparsas, das cales tres foron as invitadas polo Concello: a Asociación Cultural Miúdos (Soutomaior), a Asociación Cultural Moreira a Tope (Soutomaior) e a Asociación Andaina de Persoas con diversidade funcional de Redondela.
Tamén formaron parte a Asociación Os da Casa (Vigo), Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos), Asociación Carnavalera Os Campechanos (Ponteareas), a Asociación Cultural de Pontellas (O Porriño), Asociación Os Festeiros de Bembrive (Vigo), Asociación Cultural Trompos Ós Pes (Marín), Asociación A Pandilla (Ponte Caldelas) e a Asociación Agrupación Cultural Comisión de Festas de Cepeda (Pazos de Borbén).
Cando as comparsas chegaron a Roxelio Landeiro, o Concello fixo entrega a cada unha delas dunha peza única e exclusiva dun galo que representa o Entruido de Soutomaior.
Despois chegou a quenda da lectura do pregón e a actuación de Juan de Arcade, que deu paso á entrega dos premios desta exitosa edición.
O primeiro premio de comparsas, dotado de 1.000 euros, foi para Os da Casa; o segundo recaeu en Os Festeiros de Bembrive e o terceiro na Asociación A Pandilla.
En canto aos disfraces, Fantasía de Mar levou o primeiro premio por parellas, mentres que o grupal foi para Nadal na Carrasca.
Tras a entrega de premios a festa continuou en Roxelio Landeiro coa actuación do Trío Armonía.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.