A área arqueolóxica de A Ran, en Cuntis, foi escenario este xoves dunha ruta nocturna chea de maxia e historia.
Trátase dunha actividade organizada polo Concello de Cuntis que tivo como guías a Fran Ameixeiras e Cris de Catoira e permitiu "explorar os misterios dos petróglifos baixo o manto estrelado".
Desde a organizacióin destacan que foi unha experiencia "inesquecible" nunha área "fascinante", pois "descubrir a arte rupestre á luz da noite engade unha dimensión totalmente nova e evocadora".
"Foi unha experiencia verdadeiramente máxica, onde as historias ancestrais cobraron vida grazas ás súas apaixonadas explicacións", sinala o Concello.
O alcade, Manuel Campos, participou nesta iniciativa, que se repetirá ao longo deste verán.
Campos salientou o "pequeno gran de area" que pon o Concello de Cuntis para manter estas áreas arqueolóxicas durante todo o ano.
Desde a organización destacan que con esta ruta "sentímonos transportados no tempo, conectando coas xeracións que nos precederon e deixaron a súa pegada nestas rochas milenarias".
Consideran que, con esta actividade, "unha vez máis, queda demostrado o incrible patrimonio que temos en Galicia".