Factoría Naval pecha a reparación de dous 'atuneros' que empregará a "unas 300 personas"

Marín
13 de xuño 2013

O primeiro buque chegará a Marín nun mes. O traballo requirirá de todo o persoal do estaleiro e de "un mínimo de 10 o 12 auxiliares" por espazo de case tres meses para cada barco. O acordo foi anunciado polo director xeral de Factoría na visita ás instalacións da alcaldesa de Marín, María Ramallo

Despois volver á actividade cuns meses de goteo de pequenos traballos de mantemento de buques, Factoría Naval pechou un acordo de reparación de dous 'atuneros' que supoñerá un importante impulso á nova dirección tomada polo estaleiro tras atravesar por importantes problemas económicos.

Dentro dun mes as gradas de Factoría recibirán ao primeiro destes barcos, que necesitarán cada un "entre dos y tres meses" de traballo na que se empregarán "unas 300 personas entre nuestra plantilla y un mínimo de 10 o 12 auxiliares", segundo declarou José Manuel Coto, director de planta.

O acordo foi revelado polo director xeral de Factoría Naval, Enrique Lago, na visita ás instalacións da alcaldesa de Marín, María Ramallo. Lago mantén ademais que aos poucos van recuperando a confianza dos armadores que fai anos contrataban con eles: "en un mes vendrá el primer atunero y posiblemente en 15 días después otro. Factoría estará esos meses casi al 100% de capacidad con las gradas que tiene".

O directivo do estaleiro marinense valorou como "muy positivo" o funcionamento do acordo comercial coa empresa veciña Nodosa, polo cal Nodosa utilizou as instalacións de Factoría e que permitiu optar a proxectos conxuntos en mercados internacionais: "lo importante es traer trabajo para Factoría, consolidarnos y tener carga completa todo el año. Con Nodosa se trabaja en alguna pequeña nueva construcción pero más a largo plazo".