Falece en Madrid aos 97 anos o pai de Mariano Rajoy

Pontevedra
01 de novembro 2018
Actualizado: 18:58

A capela ardente de Mariano Rajoy Sobredo, que nos últimos anos chegou a vivir na Moncloa co seu fillo debido ao seu delicado estado de saúde, instalarase en Pontevedra. Será enterrado este venres no panteón familiar situado no cemiterio de San Amaro

Chegada de Mariano Rajoy ao tanatorio de San Amaro para despedir o seu pai
Chegada de Mariano Rajoy ao tanatorio de San Amaro para despedir o seu pai / Diego Torrado

O pai do ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy, faleceu este xoves en Madrid aos 97 anos de idade, segundo confirmaron a PontevedraViva fontes próximas á familia.

A capela ardente de Mariano Rajoy Sobredo, que nos últimos anos chegou a vivir na Moncloa co seu fillo debido ao seu delicado estado de saúde, instalarase en Pontevedra.

Os seus restos mortais chegaron ao tanatorio de San Amaro minutos antes das sete da tarde. Xunto ao seu pai chegaba un Mariano Rajoy visiblemente emocionado, acompañado dun dos seus fillos.

O pai do ex presidente do Goberno será enterrado este venres 2 de novembro, ás 13.00 horas, no panteón familiar situado no cemiterio de San AmaroA misa funeral celebrarase ás 18.30 horas na basílica de San María.

PERFIL DE MARIANO RAJOY SOBREDO

Nacido en Santiago de Compostela en 1921, Rajoy Sobredo dedicou toda a súa carreira á xudicatura. Tras estar destinado en varios xulgados galegos, con só 37 anos alcanzou a categoría de maxistrado e trasladouse a León, onde desenvolveu a súa carreira profesional durante dez anos.

En 1969 regresou a Galicia tras ser nomeado presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, destino que mantivo ata a súa xubilación en 1989 aínda que neste cargo cesara tres anos antes.

Entre outros méritos, o pai do ex presidente do Goberno foi condecorado con Cruz Distinguida de Primeira Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort.

Mariano Rajoy recoñeceu publicamente a "devoción especial" que sentía polo seu pai, do que nun libro chegou a asegurar que foi un "exemplo permanente" na súa vida.

Os principais dirixentes do PP mostraron, a través de redes sociais, o seu pesar polo falecemento e trasladaron as súas condolencias á familia.

Tamén por esta vía expresáronse outros dirixentes, entre eles o actual presidente do Goberno, o socialista Pedro Sánchez.