Falece un home en Meis por unha intoxicación con monóxido de carbono

O Salnés
04 de febreiro 2026

De acordo coa información facilitada, a vítima fora revisar un xerador e foi atopada inconsciente. Malia a rápida intervención dos equipos de emerxencias, non foi posible salvarlle a vida ao home

Ambulancia
Ambulancia / Mónica Patxot

Un home faleceu este martes no concello de Meis tras sufrir unha intoxicación por monóxido de carbono.

O suceso tivo lugar arredor das 08:45 horas na Avenida do Médico Paz García, na parroquia de Nogueira, segundo informou o 112 Galicia.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu unha chamada dun particular que solicitaba asistencia sanitaria urxente para un home que presentaba síntomas compatibles cunha intoxicación.

De acordo coa información facilitada, a vítima fora revisar un xerador e foi atopada inconsciente.

No lugar do suceso detectouse unha elevada concentración de monóxido de carbono.

Tras recibir o aviso, o 112 Galicia mobilizou de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil e aos Bombeiros de Ribadumia.

Malia a rápida intervención dos equipos de emerxencias, non foi posible salvarlle a vida ao home.

As autoridades competentes investigan as circunstancias do suceso.