Falece Rita, a septuaxenaria atacada polo seu fillo en Santa María de Sacos

Cerdedo Cotobade
16 de xaneiro 2025

A muller, que tiña 79 anos, levaba dúas semanas ingresada na UCI do Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo. Estaba en estado crítico polas feridas causadas polo seu fillo. Finalmente, non sobreviviu

Unha patrulla da Garda Civil Mónica Patxot

Rita, a muller de 79 anos atacada o pasado 2 de xaneiro polo seu fillo na súa casa de Santa María de Sacos, en Cerdedo-Cotobade, faleceu no hospital.

A muller levaba dúas semanas ingresada na UCI do Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, moi grave polas feridas causadas polo seu fillo. Finalmente, non sobreviviu.

O seu fillo, de 46 anos, foi detido o 2 de xaneiro polo intento de asasinato da súa nai e permanece ingresado na área de Psiquiatría do complexo hospitalario de Pontevedra.

O home deulle unha brutal malleira a golpes e causoulle múltiples fracturas en distintas partes do corpo, como o cranio ou a zona costal.

Tras ser atendida na vivenda, o equipo médico decidiu o seu traslado en helicóptero a Vigo, onde estivo ingresada en estado crítico ata que faleceu.

En canto ao seu fillo, foi trasladado nun primeiro momento á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, aínda que logo recibiu atención médica e foi derivado á unidade de Psiquitaría do Hospital Provincial de Pontevedra.

Os feitos ocorreron sobre as 14:00 horas do pasado xoves 2 de xaneiro na vivenda familiar do lugar de Vila de Abaixo, na parroquia de Santa María de Sacos.

Unha veciña da vítima deu a voz de alarma a través do 112 tras atopar á muller tirada no chan.

Tras o ataque á súa nai, o agresor deuse á fuga e despois de percorrer os arredores da zona e parar en distintos puntos, regresou á casa familiar, onde xa estaban os servizos médicos, a Garda Civil e un grupo de veciños.

Segundo relatan fontes veciñais, falou con eles finxindo non saber nada e preguntoulles que ocorrera, pero como sospeitaban del, os veciños alertaron á Garda Civil.

Foi detido unha hora despois da malleira, sobre as 15:00 horas, como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa por agredir a golpes á súa proxenitora.

Agora, tras o falecemento da vítima cambiarase a cualificación da súa acusación.