A Deputación de Pontevedra destinará preto de 400.000 euros ao Concello de Soutomaior para financiar a reforma das rúas Portas e Lavandeira, en Arcade, despois de que unha sentenza xudicial obrigase ao organismo provincial a asumir esta actuación.
A resolución corrixe a decisión adoptada polo anterior goberno da Deputación, que rexeitara a proposta presentada polo municipio para optar aos fondos do programa PON2030.
O proxecto contempla a transformación destas dúas rúas nun ámbito de prioridade peonil, reducindo a circulación rodada ao mínimo necesario para garantir o acceso de residentes e servizos de emerxencia. Ademais, establecerase unha limitación de velocidade de 10 quilómetros por hora para os vehículos autorizados.
A intervención busca adaptar ambos espazos urbanos a un modelo máis accesible e amable para os peóns, tendo en conta tamén que as rúas forman parte do trazado do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade, unha circunstancia que incrementa o tránsito de peregrinos durante o ano.
Segundo destacou a institución provincial, a concesión destes fondos responde á necesidade de executar unha actuación que, segundo o fallo xudicial, non foi correctamente valorada durante o anterior mandato. Deste xeito, o actual executivo provincial presidido por Luis López aproba agora os recursos económicos que lle foran denegados ao Concello de Soutomaior no proceso de selección do PON2030.
Este non é o único caso no que a xustiza deu a razón ao municipio posto que a Deputación xa tivo que rectificar noutra convocatoria anterior, a do Plan ReacPon, tras o rexeitamento do proxecto de humanización da praza de Cimadevila e da rúa Rosalía de Castro.
Naquel caso, tamén unha resolución xudicial favorable ao Concello de Soutomaior motivou que o actual goberno provincial habilitase unha partida próxima aos 350.000 euros para facer realidade esa actuación.
O goberno local sinala que coa incorporación destes novos fondos, Soutomaior avanza na mellora dos seus espazos públicos e na recuperación de zonas urbanas para o tránsito peonil, ao tempo que reforza a integración do Camiño de Santiago no núcleo de Arcade.