As familias do CEIP San Clemente inician mobilizacións para recuperar a terceira unidade de Infantil

Umia
10 de maio 2025

Levan recollidas xa máis dun milleiro de sinaturas apoiando a súa demanda. Mantiveron unha xuntanza e acudiron representantes das tres forzas políticas con representación no Concello: PSOE, BNG e PP

Reunión de familias do CEIP San Clemente de Caldas
Reunión de familias do CEIP San Clemente de Caldas /

As familias do CEIP San Clemente de Caldas de Reis iniciarán un calendario de mobilizacións para recuperar a terceira unidade de Educación Infantil suprimida no presente curso escolar

Así o decidiron durante unha xuntanza mantida na noite deste venres, convocada pola ANPA e a representación das familias no Consello Escolar.

Ao encontro acudiron os representantes das tres forzas políticas con representación no Concello: o alcalde, Jacobo Pérez (PSOE); o tenente de alcalde, Manuel Fariña (BNG); e o voceiro local do PP, Fernando Pérez.

Segundo a información recollida polas familias nun comunicado, os tres representantes políticos "manifestaron o seu apoio ás reivindicacións da comunidade educativa" e ofrecéronse a acompañala nas súas reivindicacións. 

As familias lembran que esta unidade de Infantil suprimiuse "por un erro á hora de contabilizar o alumnado" e a Xunta négase a recuperala para o 2025-2026 "a pesar da existencia de matrícula suficiente".

Aseguran que esta actitude da Consellería de Educación é contraria ao que transmitiu verbalmente á comunidade educativa e tamén aos seus propios criterios, explicitados nunha resposta á Valedora do Pobo e alertan de que tería, como primeira consecuencia, que un neno e unha nena da parroquia non poderían escolarizarse no centro.

A longo prazo, as familias temen que "poida acabar provocando a desaparición do propio colexio".

Para protestar pola situación, o claustro, o Consello Escolar e a ANPA enviaron escritos a Educación e iniciouse unha recollida de sinaturas que supera xa o milleiro de apoios.

O primeiro dos actos cos que as famiilias amosarán a súa oposición a esta decisión será a entrega desas sinaturas.

Ademais, solicitaron unha reunión co secretario xeral de Centros, Jesús Álvarez, xa que dende a Xefatura Territorial de Educación se lles informou que a súa demanda conta con informes favorables tanto do inspector como do propio xefe territorial, polo que a decisión final depende de Santiago.