Fariña pídelle ao conselleiro de Educación que reabra a terceira Unidade de Infantil do CEIP San Clemente

Umia
08 de maio 2025
Actualizado: 20:12

O tenente de alcalde de Caldas de Reis insta á Xunta a cumprir o seu compromiso ante a Valedora de abrir a aula se aumentaban as matrículas

Manuel Fariña, tenente de alcalde en Caldas de Reis
Manuel Fariña, tenente de alcalde en Caldas de Reis / Concello de Caldas

O tenente de alcalde de Caldas de Reis Manuel Fariña vén de publicar unha carta aberta ao conselleiro de Educación Román Rodríguez para que "non recorte no futuro de Caldas", e reabra a terceira unidade de Educación Infantil no CEIP San Clemente.

O nacionalista insta á Xunta a cumprir deste xeito co seu compromiso ante a Valedora do Pobo de abrir a aula se chegaban a rexistrarse novas matrículas no centro caldense, tal e como sucede para o vindeiro curso, aceptando todas as solicitudes de praza sen deixar fóra ningunha crianza interesada.

Fariña escribiu a Rodríguez non só en calidade de Tenente de Alcalde de Caldas de Reis nin como responsable municipal de Educación, senón tamén como mestre da escola pública "e como persoa que leva anos defendendo que a educación é un dereito e unha prioridade, nunca un gasto".

O tenente de alcalde asegura coñecer ben o CEIP de San Clemente e saber a importancia do colexio para a parroquia do rural caldense, para as familias que cada mañá levan alí as súas crianzas, e para o profesorado que traballa "con vocación e constancia".

"Sei que vostede tamén o coñece, porque estivo alí hai uns anos para anunciar unha reforma integral tan necesaria como esquecida pola súa administración. Naquela visita tiven ocasión de falar con vostede da urxencia desa mellora. Houbo naquela conversa un compromiso, unha aposta pola dignificación dun centro que levaba tempo quedando atrás", sostén Fariña.

O concelleiro destaca que, sabedor de que o responsable da Xunta coñece a realidade do San Clemente, "a decisión de suprimir o pasado curso a terceira unidade de Educación Infantil caeu como un golpe duro, pero a súa negativa a abrila agora que a matrícula neste centro aumenta resulta ademais totalmente incomprensible porque contradí ese compromiso. Porque significa aulas máis cheas, menos atención individual, preocupación nas familias e decepción entre quen levamos tempo loitando pola escola pública".

Para o tenente de alcalde as decisións educativas non poden tomarse só con cálculo estatístico, aínda que neste caso os números beneficiarían a Caldas xa que a cantidade de matrículas require das tres unidades existentes ata 2024.

"É certo que as competencias neste eido son da Xunta de Galicia. Pero tamén é certo que a vida dos concellos vese directamente afectada cando se reduce a oferta educativa, especialmente en vilas como a nosa, que aspira a medrar, que recibe familias novas e que precisa centros escolares fortes e sen recortes", argumenta Fariña.

Ante todo isto, o tenente de alcalde apela "á responsabilidade compartida" e subliña que estase a tempo de rectificar.

"Reabrir a terceira unidade de Infantil no CEIP San Clemente sería un sinal de respecto á comunidade educativa e unha mostra de que a Xunta segue a crer no ensino público como columna vertebral do país. Como mestre, como representante público e como veciño, pídolle que escoite. Que mire máis alá dos números. Que pense nos nenos e nenas que están a piques de comezar a súa etapa escolar e que merecen facelo en condicións dignas. Que pense no futuro de Caldas de Reis", finaliza Fariña. 

O responsable municipal de Educación fixo pública esta carta aberta a Román Rodríguez toda vez que a Consellería de Educación, a través do director territorial, solicitou ao Concello de Caldas a designación de representante na Comisión de Escolarización do concello para regular "a admisión de alumnado" , entre outros, no segundo ciclo de Educación Infantil, o que afectaría ao San Clemente.