Fariña estima que a restauración da Carballeira e o Xardín Botánico estará lista na primavera de 2026

Umia
08 de setembro 2025
Actualizado: 13:18

A empresa 'Gestión Ambiental de Contratas SL' presentou unha proposta moi atractiva: reduce en dous meses o prazo de execución, deixando as obras listas en tan só cinco meses

A Carballeira de Caldas
A Carballeira de Caldas / Concello de Caldas de Reis

Si todo vai segundo o previsto, a restauración da Carballeira e o Xardín Botánico estará finalizada a principios da próxima primavera. Así o sinalou este luns o tenente de alcalde, Manuel Fariña, tras participar na mesa de contratación onde se valoraron as ofertas para executar o proxecto.

A empresa 'Gestión Ambiental de Contratas SL' presentou unha proposta moi atractiva: reduce en dous meses o prazo de execución, deixando as obras listas en tan só cinco meses, sempre que comecen en breve. Isto significaría que en marzo xa se poderían ver os resultados. Ademais, a empresa mellora notablemente as condicións económicas e técnicas: ofrece un desconto de case o 10% sobre o prezo base (reducíndoo a 735.651 euros) e amplía ao máximo o prazo de garantía, con 36 meses adicionais.

Segundo explicou Fariña, a adxudicación formal pecharase nos próximos días, o que permitirá iniciar os traballos canto antes. O obxectivo é claro: converter a Carballeira e o Xardín Botánico nun museo aberto as 24 horas, os 7 días da semana, un espazo natural e cultural que veciños e visitantes poidan gozar en calquera momento.

As obras contemplan unha completa rehabilitación da contorna: recuperación de especies vexetais, novas plantacións, eliminación de especies invasoras, mellora do solo, e tratamentos específicos para conservar árbores singulares. Tamén se mellorarán pavimentos, mobiliario e infraestruturas como a rega ou a iluminación. E para enriquecer a experiencia de visita, instalaranse paneis informativos que destacarán o valor do patrimonio natural e cultural do lugar.

Este ambicioso proxecto enmárcase no Plan Director redactado en 2019 e está impulsado grazas a unha importante subvención europea: 1,4 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea, xestionados a través do Ministerio de Industria.

Os fondos repartiranse en oito grandes liñas de actuación: a restauración do BIC (Ben de Interese Cultural), o deseño dunha experiencia turística atractiva, a monitorización intelixente da contorna, a apertura dun centro de visitantes, a mellora da sinalización e accesos, a instalación de enerxía solar, a implantación dun sistema de xestión integral, e accións de comunicación e participación social.

Fariña destacou o compromiso do goberno local cunha xestión "rigorosa e eficiente" das axudas recibidas, tramitando e executando todas as licitacións "en tempo e forma", sinalou, coa vista posta en facer deste emblemático espazo un verdadeiro referente turístico e medioambiental.