Feijóo anuncia que abrirá no Parlamento un debate sobre a continuidade de Ence en Pontevedra

Pontevedra
22 de abril 2015

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pronunciou un longo discurso nun xantar coloquio con empresarios celebrado no Parador de Turismo de Pontevedra facendo balance das actuacións do Goberno galego nos últimos anos, centrándose na economía, e neste contexto quixo referirse "a un asunto recorrente nesta cidade e que non quixera pasar por alto", é dicir, á continuidade da empresa ENCE na súa actual situación na ría

Alberto Núñez Feijóo no faladoiro do Foro de empresas de Pontevedra
Alberto Núñez Feijóo no faladoiro do Foro de empresas de Pontevedra

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores no primeiro encontro do Foro Empresa Pontevedra que abrirá no Parlamento un debate sobre a continuidade de Ence en Pontevedra.

"Nós abriremos un debate no Parlamento de Galicia co resto das forzas políticas para ver cal é a súa opinión", afirmou o presidente do Executivo galego.

Feijóo pronunciou un longo discurso nun xantar coloquio con empresarios celebrado no Parador de Turismo de Pontevedra facendo balance das actuacións do Goberno galego nos últimos anos, centrándose na economía, e neste contexto quixo referirse "a un asunto recorrente nesta cidade e que non quixera pasar por alto", é dicir, á continuidade da empresa ENCE na súa actual situación na ría de Pontevedra. "Non me parecería razoable" vir a un foro de economía en Pontevedra, dixo Núñez Feijóo e non falar "dos asuntos que son importantes para Pontevedra".

Ante este auditorio de empresarios entre os que estaba en lugar destacado o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, o presidente da Xunta dixo que "o futuro de Ence é un tema clave para o futuro de Pontevedra".

Tras destacar os principais datos económicos da pasteira, "que supón máis dun 10% do PIB nunha cidade que ten un 30% de paro", Feijóo repetiu unha comparación que entende é "ilustrativa" da importancia deste complexo industrial na cidade: "Ence é en Pontevedra como PSA Citroën en Vigo ou Inditex na Coruña ou o sector naval en Ferrol" polo que entende que a continuidade da fábrica de celulosa en Lourizán debe afrontarse "con rigor e realismo" tendo en conta "a situación na que estamos".

Neste contexto Núñez Feijóo sinalou que a Lei de Costas que regula a situación da empresa no dominio público en toda España "cambiou, e polo tanto temos que ser consicientes da importancia de acertar nas decisións", xa que "a lexislación estatal permite a continuidade de Ence na ría de Pontevedra" sinalou como "gran novidade" dos últimos anos.

A "realidade" segundo o presidente do Goberno galego é que "hai dúas opcións" que a Xunta diga que Ence se vaia de Galicia ou que a empresa acredite as máximas garantías ambientais e se quede, "esta é a situación como está" dixo Feijóo "e eu creo que honestamente teño que trasladarlla así á sociedade civil, e como non, empezar facéndoo en Pontevedra", sinalou.

"Nós, como pobo, o que queremos é manter o emprego", proclamou o presidente da Xunta, "manter a riqueza e as máximas garantías ambientais", engadiu. Despois de insistir que ten "claro" que é o que quere "dende o punto de vista político", sinalou que "dende o punto de vista ambiental" terán que ser os técnicos que digan se se cumpren os parámetros legais e a empresa terá que "acreditar e garantir" que cumpre "taxativamente" con todas estas cuestións.

COMPETITIVIDADE, INNOVACIÿN E INTERNACIONALIZACIÿN

O presidente da Xunta explicou aos empresarios que o segredo da recuperación pasa por que se "xeren ingresos, porque só controlar o gasto serve para pouco". Neste sentido, animou os empresarios a apostar por tres eixes que considera "fundamentais" como son a competitividade, a innovación e a internacionalización.

No foro participaron uns 90 empresarios de Pontevedra dos que só 9 eran mulleres.