Feijóo ve "razoable" pensar na desescalada e en incrementar a actividade económica en Galicia

Pontevedra
19 de abril 2020

O presidente da Xunta ofreceu este domingo unha comparecencia tras a reunión do Goberno e dirixentes autonómicos. Asegura que en Galicia os datos de afectados por  Covid-19 "invitan á esperanza" e aposta por un uso masivo de máscaras de protección para a poboación

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, protagonizou este domingo unha comparecencia tras a reunión do Goberno e os presidentes autonómicos para  corrdinar o dispositivo de acción contra o coronavirus.

Para o dirixente galego e o seu equipo de goberno, cos datos na man, "parécenos razoable valorar un incremento da actividade económica en Galicia, iso si, coa máxima seguridade", asegurou.

Isto é así ao entender que en Galicia "hai unha substancial melloría en relación a esta última semana", explicou, xa que desde o 5 de abril, considerado como o momento de máximo pico na comunidade, "triplicáronse o número de altas hospitalarias, a presión sobre as UCI diminuíu un 37% ao pasar de 178 pacientes no pico a 112 e a evolución de contaxios segue a estar por baixo de 1 (0,78%)".

Trátase duns datos, asegura, que "invitan á esperanza", e que permitiron desactivar a fase aguda de plan de continxencia e volver á fase 2, a considerada de contención do virus. Ademais, engadiu, a taxa de letalidade en Galicia segue sendo das máis baixas do Estado cun 3,9%.

Ante o novo panorama que empeza a debuxarse no horizonte "é necesario ir prevendo un proceso de desescalada", asegura Feijóo, aínda que "son plenamente consciente de que se nos precipitamos sería un erro imperdoable".

Neste sentido para o presidente da Xunta serán craves tres aspectos, e así llo transmitiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que pasan por tentar que a información sobre contaxios e afectados sexa o máis "fiable e homoxénea" posible, que se elabore unha folla de ruta para a desescalada e se informe dela con previsión e que se achegue liquidez ás familias, traballadores e empresas para que poidan retomar a súa actividade normal.

En canto ás medidas de prevención as instrucións na súa opinión serían "en primeiro lugar como criterio básico o distanciamento social, en segundo lugar a hixiene de mans e en terceiro lugar unha proposta de uso xeneralizado de mascarillas".

Todo iso completaríase con test masivos á poboación e deseñando un sistema de apertura e peche dinámico dos diferentes sectores por se se producen rebrotes nalgunha zona concreta, actuando por tanto dun modo máis asimétrico en función da afectación do Covid-19 nos diferentes municipios.

Núñez Feijóo, que defendeu a decisión de realizar un estudo epidemiolóxico a nivel galego, valorou positivamente a decisión do presidente do Goberno de permitir a partir do 27 de abril a saída ao exterior de nenos. "Agradézolle que atendera á petición de varios presidentes autonómicos", explicou respecto diso aínda que mostrando as súas dúbidas sobre a idade aconsellable á que estender a medida porque "é bastante discutible" xa que "o Goberno dixo 12 anos e a idade pediátrica finaliza aos 14".