Concienciar sobre a contaminación por plásticos e fomentar alternativas sostibles son os obxectivos principais da programación que o Concello de Sanxenxo preparou para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente.
A iniciativa, que se desenvolverá entre o 27 de maio e o 7 de xuño, combinará accións educativas en todos os centros escolares do municipio cunha feira ambiental aberta ao público.
"Sanxenxo ten unha paisaxe e un entorno natural único que debemos coidar e protexer entre todos", explica Yago Torres, concelleiro de Medio Ambiente e principal impulsor desta iniciativa que conta coa colaboración das concellarías de Educación e de Turismo e Praias, dirixidas por Nati Parada e Juan Deza, respectivamente.
A proposta municipal busca abordar o problema da contaminación non desde a prohibición ou a alarma, senón desde a educación e a análise crítica, promovendo a procura de solucións viables e sostibles.
O programa educativo comezará na última semana de maio con charlas sobre a Bandeira Azul en cinco colexios do municipio: O Telleiro, Portonovo, Abrente, Magaláns e A Florida. Estas sesións, programadas para os días 27 e 28 de maio, servirán como punto de partida para unha serie de actividades prácticas que se desenvolverán ao longo da primeira semana de xuño.
Entre as accións máis destacadas figura un obradoiro sobre o ciclo da auga e o funcionamento dunha depuradora que se levará a cabo no colexio do Cruceiro o martes 3 de xuño.
Ao día seguinte, os alumnos do colexio Magaláns realizarán unha andaina con limpeza incluída pola Ruta do Río Pintillón, mentres que o alumnado do CEIP A Florida fará o propio nos Carballos de Aldariz.
O xoves 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, tres colexios (O Telleiro, Portonovo e Abrente) participarán na actividade "Coidemos as nosas dunas", centrada na limpeza de plantas invasoras nas praias de Areas Gordas, A Lapa, Canelas e Baltar. Esta iniciativa contará coa colaboración do Colectivo Ecoloxista do Salnés.
Para pechar a semana de actividades escolares, o venres 6 de xuño vai desenvolverse unha plantación de árbores no colexio de Nantes.
Como colofón a esta quincena medioambiental, o sábado 7 de xuño a Praza do Pazo acollerá, de 11:00 a 14:00 horas, a I Feira do Medio Ambiente de Sanxenxo. O evento contará con casetas informativas e de sensibilización sobre diversas temáticas ambientais, así como coa exposición "Cultura oceánica", cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), que xa pode visitarse no Pazo Emilia Pardo Bazán.
A mostra aborda a importancia do océano no funcionamento do planeta, a biodiversidade mariña e a histórica relación entre os seres humanos e o mar.
Ademais, durante a feira están previstos diversos talleres prácticos, entre os que destacan o uso de plantas aromáticas e medicinais, a elaboración de sacos aromáticos, o estampado de bolsas con motivos vexetais e varias actividades de reciclaxe creativa como a confección de hélices de papel, picapeces e plantas con papel de xornal.
A iniciativa de Sanxenxo alíñase co tema central do Día Mundial do Medio Ambiente 2025: "Pór fin á contaminación por plásticos", un obxectivo especialmente relevante para un municipio costeiro e turístico que depende en gran medida da calidade das súas contornas naturais e praias.