Fenosa cambia un transformador para evitar apagóns nas inmediacións do Principal

Pontevedra
21 de marzo 2017

Os continuos apagamentos que se rexistraban na contorna do Teatro Principal chegaron á súa fin. Polo menos, iso espera o Concello de Pontevedra. A empresa Gas Natural Fenosa cambiou o transformador situado na parte traseira da antiga casa consistorial

Traballos de sustitución dun transformador de Fenosa na rúa Alhóndiga PontevedraViva

Os continuos apagamentos que se rexistraban na contorna do Teatro Principal chegaron á súa fin. Polo menos, iso espera o Concello de Pontevedra. A empresa Gas Natural Fenosa cambiou o transformador situado na parte traseira da antiga casa consistorial.

Estes cortes na subministración de electricidade provocaran as protestas dos veciños e o goberno municipal presentou unha queixa formal ante a Consellería de Industria e a propia compañía eléctrica.

Na súa resposta, Gas Natural Fenosa asegura que non cometeron ilegalidade algunha porque a lei permítelle un número determinado de apagamentos que, segundo a contestación oficial da compañía, neste caso non se superaron.

Aínda así, explicou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, "algo mal estarían facendo" cando tiveron que cambiar o transformador.

As obras realizáronse o pasado 12 de marzo e desde entón, segundo o Concello, non consta que se produciron máis apagamentos.

Neste sentido, a edil do BNG denunciou a "falta de mantemento" das infraestruturas que garanten a subministración en Pontevedra, cuxa responsabilidade exclusiva é das compañías eléctricas.

Da Silva explicou que as posibles sancións que se lle poidan impoñer a Gas Natural Fenosa por estes apagamentos dependerán da Consellería de Industria.

DANOS NUNHA FACHADA

Durante a execución das obras no transformador da rúa Alhóndiga, o pasado 12 de marzo, a empresa contratada provocou danos na fachada do inmoble número 4 desta rúa. En concreto, arrincou unha das pedras do edificio á que estaba fixado o cableado. A Policía Local de Pontevedra foi advertida desta circunstancia polos propietarios do inmoble afectado. Tras acudir ao lugar unha patrulla de axentes municipais obrigou á empresa para acordoar a rúa ante o risco evidente de novos desprendementos.