Os Premios Feroz son tamén un punto de encontro entre institucións educativas e culturais do concello de Pontevedra.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este mércores no seu despacho aos representantes das entidades que están a colaborar activamente na organización do evento, unha implicación que cualificou de "beneficio mutuo" tanto para os voluntarios como para a cidade.
En total, arredor de 80 persoas participan como voluntarias nas distintas actividades dos Feroz, unha experiencia que, segundo Lores, supón "un recurso formativo importante" e ao mesmo tempo un revulsivo cultural e social para Pontevedra.
"A idea inicial era que os Feroz non fosen só unha gala, senón algo que implicase a toda a cidade, e iso estase cumprindo", sinalou o alcalde, destacando a alta participación cidadá en proxeccións, debates e coloquios, así como a implicación doutros centros educativos, como o Coro do IES da Xunqueira I, que actuará na gala.
Desde o Centro Integrado de FP Carlos Oroza, a súa xefa de estudos, Eva Lage, subliñou a oportunidade que este evento representa para o alumnado de Turismo.
"Participar tan de preto na organización dun evento desta magnitude é un soño", asegurou, lembrando que o centro conta con ciclos especializados en eventos e protocolo e que este ano estrea un máster de FP en coordinación de persoal para congresos e feiras. "O alumnado está motivadísimo e moi ilusionado".
Na mesma liña, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, agradeceu a iniciativa do Concello e puxo o acento no valor formativo dos Premios Feroz.
"Non é só a gala, son todas as actividades que se desenvolven ao longo do ano", explicou. Para o estudantado de Publicidade, Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, esta experiencia permite un contacto directo coa realidade profesional do sector. "É unha oportunidade máis que única e un acerto claro por parte do Concello", afirmou.
O membro do Vicerreitorado do Campus de Pontevedra, Paulino Pérez, destacou tamén a crecente integración do estudantado na vida da cidade. "Pontevedra converteuse nun auténtico plató para o que fan os nosos estudantes", sinalou, apuntando a que esta "tormenta perfecta" pode facer da cidade un referente audiovisual máis alá dos Feroz.
Unha das colaboracións máis singulares chega da man da Aula de Teatro Municipal. O seu director, Anxo Lourido, contou que nove integrantes da Aula -oito mulleres e un home- están a facer de dobres dos presentadores oficiais durante os ensaios.
"Para elas foi unha sorpresa marabillosa", confesou. Probas técnicas, de cámara e de voz e a posibilidade de asistir ao ensaio xeral están a supor unha experiencia totalmente nova para este grupo de afeccionadas. Entre bromas, xa din que este ano a Aula de Teatro Municipal leva todos os Premios Feroz e en todas as categorías.
Así, Pontevedra vive os Feroz non só como unha cita cinematográfica, senón como un proxecto colectivo que une formación, cultura e cidade.