Unha ferramenta dixital extrae datos sobre quen visita e que busca en Pontevedra para potenciar o modelo turístico

Pontevedra
23 de xuño 2026

O sistema do Observatorio Turístico utiliza once fontes estadísticas e recompila datos de telefonía móbil, pernoctacións e reputación dixital para axudar na planificación do sector turístico

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, e Rafael González, representante de Vivential Value
Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, e Rafael González, representante de Vivential Value / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presentou o novo Observatorio Turístico do municipio, unha ferramenta dixital deseñada para transformar a recompilación de datos e fundamentar as futuras políticas de promoción urbana.

O proxecto, adxudicado á empresa barcelonesa Vivential Value, integra de forma automatizada 11 operacións estatísticas co obxectivo de orientar a xestión turística cara á desestacionalización e a sustentabilidade.

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, e o representante de Vivential Value, Rafael González, detallaron que a ferramenta pasará a formar parte da rede de información pública municipal tras o verán, unha vez concluídos os trámites administrativos vinculados aos Fondos de Recuperación Europeos (PSTD), e estará dispoñible de acceso libre na web municipal.

"Nunca tomamos decisións para termos un crecemento rápido a costa dá nosa calidade de vida", declarou Anabel Gulías, quen incidiu en que a estratexia local prioriza a desestacionalización con proxectos deportivos e culturais como os Premios Feroz fronte a modelos de masas ou de turismo de cruceiros.

Os primeiros resultados obtidos a través do observatorio mostran unha tendencia de crecemento no municipio durante os primeiros meses de 2026 e o peche de 2025..

Os datos procedentes da telefonía móbil, procesados inicialmente polo Instituto Nacional de Estatística (INE), indican que os visitantes estranxeiros supuxeron o 21% do total en 2025, fronte ao 14% rexistrado en 2024. Os principais mercados emisores identificados neste período foron Francia, Portugal, Estados Unidos, Países Baixos e Alemaña.

En canto á actividade hoteleira do primeiro trimestre de 2026, a cidade rexistrou un total acumulado de 34.000 pernoctacións, cifra que representa un incremento do 16% en comparación co mesmo período do ano anterior.

A estancia media dos visitantes entre os meses de xaneiro e abril situouse en 1,8 noites por turista, o que equivale a un aumento do 7% respecto ao mesmo cuadrimestre do ano previo.

Pola súa banda, a ocupación media do municipio durante este primeiro trimestre de 2026 mantívose nunha pinza situada entre o 30% e o 40%.

O valor desta plataforma radica na unificación de múltiples canles estadísticas que ata agora se analizaban de forma dispersa. O sistema nútrese do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, do INE, dos fluxos de pasaxeiros de AENA e de métricas internas do Concello, como as consultas na oficina de turismo física e as interaccións na web oficial.

Como novidade, incorpora un módulo de análise de reputación en liña enfocado nas opinións que os usuarios verten en internet sobre os aloxamentos locais. O deseño do contrato estipula que a propiedade total e a gobernanza do sistema corresponden ao Concello, evitando gastos futuros na compra recorrente de datos a operadoras privadas, explicaba o representante de Vivential Value, indicando que é o proxecto máis avanzado de Galicia.

"Pasamos dun contexto no que xa estabades a facer esa recompilación, a facelo de maneira sistemática, cunha alta frecuencia. Non se pode gobernar sen compartir", explicou Rafael González para fundamentar este sistema aberto, útil tanto para a administración como para o sector privado e o ámbito académico.

Peregrinos en Pontevedra
Peregrinos en PontevedraPontevedraViva

RETOS

A análise retrospectiva da oferta hoteleira e de aloxamento amosa que Pontevedra multiplicou a súa capacidade no último lustro, pasando dunhas 1.000 prazas dispoñibles a preto de 4.500 na actualidade.

Deste total de prazas reguladas, as vivendas de uso turístico (VUT) supoñen case o 60% dos rexistros, unha cifra que os analistas consideran estabilizada.

A pesar do incremento de pernoctacións en períodos de tempada baixa, o informe identifica dous retos estruturais fixos: a estacionalidade estivalizada, habitual no mercado turístico estatal, e a baixa estancia media ligada ao peso do turismo peregrino.

Segundo detallou o representante de Vivential Value, o perfil do peregrino xera dinámicas de alta mobilidade diaria, polo que resulta complexo prolongar a súa estancia máis alá dunha noite.

"O turismo urbano ten un reto importante en Pontevedra e en Barcelona e en todos os sitios, que é incrementar a estancia media. A estancia media é un dos grandes retos. Fainos máis sostibles, fainos economicamente máis potentes para os nosos empresarios", apuntou.

A folla de ruta técnica, explicou Rafael González, aconsella derivar os esforzos de captación cara outros perfís de visitantes mediante programacións deportivas e sectoriais que optimicen os índices de ocupación fóra dos meses de verán.

González considera tamén que non é necesario aumentar a planta hoteleira en Pontevedra.