Unha festa do Orgullo LGBTI+ para visibilizar a diversidade en Bueu "con respecto e coidado"

Bueu
26 de xuño 2025

O programa inclúe contacontos, unha presentación literaria, actuación de drags e curtametraxes pola diversidade. Será unha xornada festiva e reivindicativa, segundo o goberno municipal

Presentación en Bueu dos actos polo Día do Orgullo LGBTI+
Presentación en Bueu dos actos polo Día do Orgullo LGBTI+ / Concello de Bueu

O Concello de Bueu celebra o próximo sábado 28 de xuño o Día do Orgullo LGTBI+ cun amplo programa de actividades a través dos que reivindicará a tolerancia, a igualdade e a dignidade das persoas lesbianas, gays, bisexuais, transexuais e intersexuais.

Baixo o paraugas de "Visibiliza Bueu pola igualdade", a xornada acollerá durante todo o día en diversos espazos da Banda do Río actividades como contacontos, presentacións literarias, actuacións de drags e curtametraxes.

A concelleira das áreas de igualdade e benestar, Laura Ogando, presentou os detalles desta celebración xunto a representantes de colectivos colaboradores como a Libraría Abrente, Libraría Boulevar, as asociacións Can do Penedo e Banda do Río e a Asociación FICBUEU.

"Estamos diante dunha xornada festiva e reivindicativa a través da que queremos visibilizar a diversidade en Bueu con respecto e coidado", destacou Ogando.

O programa de actos arrancará o sábado ás 11:00 horas cun contacontos pola igualdade a cargo da Libraría Abrente, no que se poderán escoitar os contos Monstro rosa, La niña que tenía dos papás e Familias no exterior do Estaleiro de Purro.

A continuación, da man da Libraría Boulevar, presentarase o libro De óxido e diamantes, de Miriam Couceiro, unha obra na que se aborda a violencia nunha parella homosexual.

Ás 13:30 horas, na pista da Banda do Río, haberá unha sesión vermú coa actuación da drag Kettu Pinn.

Xa pola noite, ás 22:15 horas, da man da Asociación FICBUEU proxectaranse curtas pola diversidade no Estaleiro de Purro, cos títulos como Victoria de Daniel Toledo Saura, Yulia & Juliet de Zara Dwinger, Maurice´s bar, de Tom Prezman e Tzor Edery e Dang Wo Wang Xiang, de Shuli Huang.

Como remate da festa, actuará o DJ Drag Paul B na pista da Banda do Río.