Na Ría de Vigo, en plena Enseada de San Simón e co peirao de Arcade de fondo, o alcalde, Manuel Lourenzo, fixo unha chamada á participación masiva na "festa máis insigne de Soutomaior", a Festa da Ostra, que este ano chega á súa edición número 37.
O Concello quixo rachar moldes este ano e presentou a XXXVII Festa da Ostra de Arcade no propio mar, sobre o bateeiro Perla Negra. Autoridades, viticultores, hostaleiros e representantes da confraría de pescadores puideron degustar xa un anticipo da festa.
Como marca a tradición, a festa será a primeira fin de semana de abril, os días 4, 5 e 6, tres xornadas nas que agardan recibir máis de 30.000 persoas e vender máis de 100.000 pezas de ostras.
Lourenzo destacou a ostra como "emblema do concello e da vila de Arcade" e quixeron ir á súa cuna para presentar esta nova edición, na que se venderá a prezos populares, 10 euros a ducia de ostras e 12 euros a botella de viño albariño das tres marcas de Soutomaior: Noelia Bebelia, Quinta das Eiras e María Vinyals.
Durante a presentación, o propio alcalde animouse a abrir as ostras e todas as persoas presentes degustaron un adianto, esas ostras co "maridaxe perfecto que fai co albariño de Soutomaior".
A cita da primeira semana de abril está "riscada de maneira obrigada no calendario" e, segundo o alcalde, permite poñer en valor "a excelencia da gastronomía" de Soutomaior e tamén a hostelería do municipio.
"Podemos presumir do produto con sabor a mar por excelencia, a ostra de Arcade", destacou o alcalde.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
A programación inclúe "un sinfín de actividades" e é resultado de moitos meses de traballo para buscar unha festa que estea "á altura do que a veciñanza merece" e que sexa "a mellor" da historia desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia.
O pregoeiro este ano será Celso Fernández Sanmartín, 'Celsiño', de quen Lourenzo destacou que é "unha persoa moi vinculada con Arcade". Lerá o pregón o domingo 6 ás 13.00 horas.
As casetas de degustación abrirán o sábado ás 12.00 e o domingo ás 11.00 e, como é habitual, será destacada a programación musical, coas "mellores orquestras do país" e "charangas de referencia".
O venres 4 de abril actuarán as orquestras América de Vigo e París de Noia. O sábado serán Olympus e Kubo e o domingo pola tarde haberá actuación dos 'Festicultores Troupe' a partir das 18:00 horas.
RECUPERACIÓN DA OSTRA
Á presentación non faltaron concelleiros dos tres partidos da Corporación e tampouco o subdelegado do Goberno, Abel Losada, que destacou unha dobre dimensión desta festa gastronómica, "a turística, que crea emprego e riqueza" e o seu impacto para "a recuperación no cultivo artesán dos productos do mar" e insistiu en que o produto "está moi bo".
Neste impacto sobre a recuperación do sector insistiu tamén o alcalde, que deu a coñecer que o proxecto Ostreares, co que se busca recuperar a actividade de aproveitamento marisqueiro dos bancos naturais de ostra autóctona na enseada de San Simón, xa deixa cifras alentadoras e permitiu xa recuperar 3.500 ostras reprodutoras.
Así, desde a Confraría destacan que nas estruturas instaladas na enseada de San Simón xa hai desde hai tres anos 500 reprodutores e desde o pasado outono, outros 3.000. Son reproductores de ostras nos que confían para lograr desove e, polo tanto, servirán como base para a reprodución da especie. Son exemplares que non se poden aínda comer, pero sí servirán para recuperar a especie na zona.