A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo celebrou este domingo a décima edición da Festa da Veciñanza Comuneira, unha xornada de convivencia que reuniu preto de 500 comensais e que serviu para homenaxear a persoas vinculadas á defensa do monte, ao patrimonio común e á vida colectiva da parroquia.
O encontro estivo presidido pola presidenta da Comunidade de Montes de Salcedo, Teresa Covelo Lores, quen destacou o valor desta celebración como punto de unión entre a veciñanza comuneira e como espazo para recoñecer o traballo desenvolvido a prol do monte comunal.
Como acto previo á comida de confraternidade, a entidade realizou o nomeamento dos seus primeiros Valedores e Valedoras da Veciñanza Comuneira de Salcedo, unha nova distinción destinada a recoñecer a dedicación, participación e compromiso coa comunidade.
Nesta primeira edición recibiron este recoñecemento Cipriana Carabelos Farto, Dolores Ruibal Garrido e Manuela Pazos Pastoriza, polo seu papel como testemuñas no proceso xudicial para a recuperación dos terreos ocupados polo Ministerio de Defensa; Buenaventura Aparicio, arqueólogo e doutor en Historia; Ángel Bravo Portela, enxeñeiro técnico agrícola; e Xosé A. Pereira Martínez, presidente da Organización Galega de Montes.
Os nomes das persoas distinguidas quedaron recollidos nunha placa conmemorativa instalada nunha pedra como recordo permanente do agradecemento da Comunidade de Montes.
A xornada incluíu tamén a descuberta dunha placa dedicada a Fernando Pintos Pereira, presidente da Comunidade de Montes de Salcedo entre 2000 e 2025 e presidente de honra da entidade desde 2025. O recoñecemento pon en valor a súa traxectoria e o seu compromiso coa defensa do monte e dos intereses da veciñanza, así como a súa recente condición de Premio Cidade de Pontevedra 2026.
Tras os actos institucionais, os asistentes participaron na tradicional comida de confraternidade, nun ambiente festivo que, segundo a organización, permitiu consolidar a cita como unha das principais reunións sociais da parroquia.
A Comunidade de Montes destacou que esta décima edición supuxo un récord de participación e subliñou que o futuro do monte comunal depende da implicación activa da veciñanza e do mantemento dos lazos colectivos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.