Meiro volverá a acoller un ano máis a súa festa máis destacada, o Encontro-Degustación do Millo Corvo, que celebrará a súa edición número 26 entre os días 10 e 12 de abril.
O evento, declarado festa de interese turístico de Galicia, propoñerá diversas actividades de posta en valor deste aprezado produto.
"A festa volve á aldea, que é o lugar natural no que naceu, despois da experiencia do ano pasado no centro de Bueu", destacou o alcalde, Félix Juncal, na súa presentación.
A este respecto, a presidenta da Asociación Cultural de Meiro, Victoria Martínez, tamén salientou que o espazo desta festa é a aldea, posto que o millo corvo "cultívase nas leiras, gárdase nos hórreos e móese nos muíños do Canudo".
O encontro arrancará o venres 10 de abril pola mañá cunhas xornadas educativas no IES Johan Carballeira, nas que haberá propostas coma unha tertulia sobre a África susahariana e Bueu e un obradoiro de bebidas africanas, como Bissap e Bouye, da ONG ACCEM.
Xa pola tarde, ás 18 horas nos muíños do Canudo, terá lugar unha muiñada, na que se poderá ver como se moía tradicionalmente estas espigas de cor negra ademais de gozar dunha contorna privilexiada e dunha foliada.
O sábado ás 11.30 horas abrirá a ecotaberna, na que se poderán degustar pratos elaborados con millo corvo durante todo o día, e tamén o domingo no mesmo horario.
Ás 12:00 horas arrancará a programación cunha cata de cervexa de edición limitada de millo corvo, seguido cunha charla de Juan C. Gavinia R., que falará sobre a transformación do gran de millo corvo en superalimento e dará un taller sobre nixtamalización, masa e arepas.
A mañá rematará ás 14:00 horas coa actuación do grupo tradicional Sachodixen.
Pola tarde, ás 17:00 horas, desenvolverase unha charla sobre comunidades enerxéticas e ás 17:30 horas haberá un obradoiro de candeas con O mel da Inés e outro taller infantil coa veciña Bego Ríos. A xornada culminará coa actuación musical de Meninos do Pandeiro.
O domingo ás 10:30 horas sairá unha ruta guiada con Salvador Castro polos muíños do Canudo con moenda incluída e ás 12:00 horas haberá unha degustación do coñecido como "caldo de graunlhos, rojoes e pataniscas de bacalhau".
Ás 12:45 horas, Xavier Castro presentará o libro Los grandes vinos de Galicia. Originalidad e historia, coa presenza de Mari Luz Nogueira Calvar, do Ateneo de Cangas. A mañá rematará coa actuación do grupo tradicional As Searas de Lugo.
Pola tarde desenvolverase un obradoiro infantil con Moni’s Gnomos ás 17:00 horas, seguido do contacontos O algodón de Don Pirimpón con José Calvar e Jacinto García Duarte, xogos tradicionais en familia e a actuación do grupo de pandeiretas Tres pés pa’ un banco.
Durante o sábado e o domingo día haberá no recinto postos de venda e degustación con diversos produtos, entre eles cervexa de millo corvo edición limitada, viño tinta femia de Cela, mel e aceites ou diversas casetas de artesanía.