A festividade do Carme volve a Vilagarcía para reivindicar a súa tradición mariñeira

O Salnés
01 de xullo 2026

A iniciativa parte da asociación de traballadores xubilados do Porto de Vilagarcía, Crucelas, e conta coa colaboración do Concello

Orfeón Voces Graves "Arousa"
Orfeón Voces Graves "Arousa" / Orfeón Voces Graves Arousa

Vilagarcía recuperará este mes de xullo a celebración do Día do Carme cun programa de actividades que busca pór en valor a súa tradición mariñeira.

A iniciativa parte da asociación de traballadores xubilados do Porto de Vilagarcía, Crucelas, e conta coa colaboración do Concello.

A programación foi presentada este martes por representantes da asociación e pola concelleira de Cultura, Sonia Outón, quen destacaron o obxectivo de devolver esta festividade ao conxunto da cidadanía mediante unha proposta que combina música, teatro e actos relixiosos.

As actividades arrincarán o 15 de xullo co espectáculo músico-teatral Na procura do Vagamundo, inspirado en dous relatos de Rafael Dieste.

A obra estará protagonizada polo Orfeón de Voces Graves de Arousa, o actor Gonzalo Varcárcel e catro músicos, baixo a dirección de Julio Cores.

A representación vira en torno ao personaxe do "vagamundo", un home ao que todos desprezaban, pero ao que acudían para coñecer as historias dos lugares que percorrera, así como ao relato dun neno que naceu sendo ancián.

A celebración continuará o 16 de xullo cun concerto acústico do cantautor Francisco Castro, que ofrecerá un repertorio baseado nos seus discos Agora é o tempo e Cantos de amor e revolución.

O artista estará acompañado por un percusionista e presentará un formato con influencias do pop-rock, ademais de incluír unha sorpresa relacionada coa tradición mariñeira.

Tanto a representación teatral como o concerto terán lugar ás 20.30 horas no Salón García, con entrada gratuíta até completar cabida.

Ese mesmo día, ás 12.00 horas, a igrexa de Santa Baia de Arealonga acollerá a misa na honra da Virxe do Carme, que estará acompañada polas voces do Coro de Cámara Thalassa, formación de Marín cunha ampla traxectoria en actuacións xunto a orquestras sinfónicas.

Durante a presentación, Sonia Outón agradeceu o traballo da asociación Crucelas por impulsar a recuperación dunha celebración que perdera presenza na cidade durante as últimas décadas e destacou especialmente a implicación de Julio Cores polo seu constante labor de promoción cultural.

Pola súa banda, Cores puxo en valor o apoio recibido por parte do Concello de Vilagarcía, a Autoridade Portuaria e a Deputación de Pontevedra, entidades cuxa colaboración, asegurou, foi fundamental para facer posible esta nova edición da festividade.