Fin de semana especial en Bueu coa chegada do Mercado de Nadal

Bueu
20 de novembro 2025

Con esta nova edición, o Concello de Bueu busca dinamizar o comercio local e crear un espazo de encontro para veciñanza e visitantes

Presentación do Mercado de Nadal en Bueu
Presentación do Mercado de Nadal en Bueu /

A carpa das Lagoas converterase, un ano máis, nun foco de actividade comercial e festiva en Bueu por estas datas.

Do 28 ao 30 de novembro, o Concello organiza a terceira edición do seu Mercado de Nadal, unha cita que reunirá máis de trinta establecementos de comercio local, artesanía, produción de proximidade e tamén varias propostas gastronómicas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, destaca que o obxectivo do evento é "transformar As Lagoas no noso propio centro comercial e poñer en valor o comercio de proximidade, que sostén a economía local durante todo o ano grazas ao seu bo trato e cercanía".

Carballo subliñou, ademais, que a iniciativa busca ofrecer unha alternativa ao "Black Friday", apostando por compras conscientes e realizadas na propia vila, tanto de produtos típicos de Nadal como doutros artigos.

O mercado abrirá as súas portas o venres e o sábado de 11:00 a 22:00 horas, mentres que o domingo funcionará ata as 20:00 horas.

Entre os 31 participantes haberá comercios de roupa, librarías, postos de alimentación —con queixos, conservas ou especias—, artesanía e decoración navideña. Figuran entre eles Pepeluchos Bueu, Nene’s, Artesanía Lili’s, Tendeira Belén, Adegas Celme, Boulevar Libraría Edicións, Roquillería Macelcor, Descalciña pola area, La Capellana, Xoiería Faisca, Libraría Abrente, Relojería Joyería Estévez, OBS Clothing, Queixería Gaia, Conservas Antonio Alonso, Vallelongo, Fichiwichi, Artesanía Navideña, Artesanía O Pereiro, Sovoral, O Taller de More, Aceite Embruxo, Desniveis, Mary Couso, Martina Chapela, Montserrat García, Muy Mía, Florentino Resille Pastoriza, Tic Tac Shop, Gáidil Bueu e Adyfa.

A programación inclúe tamén unha ampla oferta de ocio para gozar en familia.

O venres ás 19:00 horas actuarán Lucía Lugrís e Rubén Azanza; o sábado haberá concerto de Four Passengers Pop Rock ás 13:00 horas e de Manu Adredde Versións ás 20:00 horas; e o domingo pechará Sr. Nilson Versións ás 13:00 horas.

Para o público infantil, Brais das Hortas presentará "Zona de obras" o domingo ás 17:30 horas, un espectáculo cheo de música e interacción no que non faltarán ferramentas, instrumentos e humor.

O apartado gastronómico tamén terá un protagonismo especial, con varios postos de hostalaría da vila que ofrecerán diferentes propostas culinarias para degustar na propia carpa durante toda a fin de semana.