Finalizada a Festa do Caldo, chegan os ladróns

Pontevedra
10 de marzo 2015

Ao longo da madrugada do domingo 8 ao luns 9 de marzo un ladrón ou ladróns romperon unha das ventás do local social de Mourente. Os organizadores non tiñan gardado no local o diñeiro da festa e, segundo unha primeira revisión realizada no lugar, no roubo tan só levaron unhas botellas de licor

Preparativos da XXIV Festa do Caldo de Mourente Diego Torrado

Unha vez rematada a Festa do Caldo de Mourente, a tranquilidade non chegou para os seus organizadores. Este luns, día seguinte aos festexos, encontráronse con que os ladróns accederan á forza ao seu local social.

Fontes próximas á organización indicaron que o roubo se produciu ao longo da madrugada do domingo 8 ao luns 9 de marzo. O ladrón ou ladróns responsables romperon unha das fiestras do local social presuntamente en busca dalgún botín relacionado coa celebración da Festa do Caldo.

Os organizadores non tiñan gardado no local o diñeiro da festa e, segundo unha primeira revisión realizada no lugar, no roubo tan só levaron unhas botellas de licor.

Unha vez que constataron que unha ventá estaba fracturada e faltaban esas botellas, chamaron a Policía Nacional. A Policía Científica xa se desprazou ata o lugar ao longo da xornada do luns e hai aberta unha investigación para aclarar o sucedido, pero na Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía aínda non recibiron unha denuncia oficial sobre estes feitos.