Finalizan os traballos de reasfaltado na Avenida de Ourense e avanza a mellora da nova rotonda

Marín
05 de xuño 2026

Con estas actuacións, as distintas administracións traballan na mellora de varias das principais infraestruturas viarias do municipio, tanto no que respecta á mobilidade como á integración urbana

Asfaltado da Avenida de Ourense
Asfaltado da Avenida de Ourense / Concello de Marín

A Avenida de Ourense loce xa un pavimento renovado tras os traballos de reasfaltado realizados durante a mañá deste venres pola empresa Fechi.

A actuación desenvolveuse entre as 7.00 e as 10.00 horas e permitiu corrixir diferentes zonas que non quedaran en condicións óptimas durante a execución das obras de humanización desta vía, unha das principais portas de entrada ao núcleo urbano de Marín.

Os traballos foron asumidos polo Goberno central, administración responsable do proxecto de remodelación da avenida, e quedaron completados durante a mañá.

A intervención permitiu mellorar o acabado final da actuación, que incluíu o ensanche da beirarrúa situada xunto aos edificios e a renovación da imaxe deste importante acceso á vila.

Mentres tanto, o Concello continúa avanzando na posta en valor da nova rotonda situada na Avenida de Ourense, fronte ás instalacións de Nodosa.

A administración local está a executar con fondos propios os traballos de acondicionamento e ornamentación deste espazo.

Nas últimas semanas completouse a colocación da pedra perimetral que eleva a superficie da glorieta e instalouse o sistema de rega.

Ademais, xa se incorporou a terra que servirá de base para a vexetación que decorará o conxunto.

Está previsto que a plantación das especies ornamentais se leve a cabo a próxima semana, convertendo a rotonda nun novo elemento paisaxístico da contorna.

Asfaltado da Avenida de Ourense
Asfaltado da Avenida de Ourense    Concello de Marín

Por outra banda, a Xunta de Galicia acometerá tamén o reasfaltado da Rúa da Ponte para reparar os danos existentes no firme.

Estas deficiencias quedaron pendentes tras a execución das obras realizadas pola empresa Oresa, coa que a administración autonómica rescindiu os contratos que mantiña debido á súa situación mercantil.