A Finca Briz, un auténtico "parque do terror" para celebrar o Samaín

Marín
01 de novembro 2024
Actualizado: 18:37

O Samaín Briz volveu a ofrecer numerosas actividades para todos os públicos. Toda a leira transformouse nun aterrador escenario, cheo de sustos e diversión

Samaín na Finca Briz, en Marín Concello de Marín

Marín volveu a ser un dos grandes referentes da celebración do Samaín.

Logrouno cunha nova edición do Samaín Briz, que volveu a converter este espazo urbano nun auténtico parque do terror con actividades para todos os públicos.

Toda a leira transformouse nun aterrador escenario, cheo de sustos e diversión.

Estivo presidida por dous túneles do terror: "Hotel Terror Cañeiro", coordinado pola comparsa Os da Caña, e "O Taller Esquecido", a cargo do Club Deportivo La Peña.

Ademais, repartidas por todo o espazo ambientáronse catro estaciones de medo, de acceso libre para o público, nas que colaboraron, entre outros, a comparsa Val do Lérez, Cor Café e As Sonecas.

Foron o convento do terror, o manicomio da morte, a cova do asustador e un perigoso colexio cheo de criaturas estrañas.

A xornada completouse con espectáculos no lago central, ambientación musical e postos de comida e bebida para que os asistentes puidesen tomarse un respiro.

Para os máis pequenos da casa e para gozar en familia estivo habilitada tamén a zona do PequeSamaín, con pintacaras, xogos, animación ou baile.