Cinco dos traballadores que denunciaron as supostas irregularidades cometidas na xestión da Cámara de Comercio, tres deles xa despedidos, terán que declarar ante a Fiscalía de Pontevedra o próximo 23 de xaneiro. Será en calidade de testemuñas. Deberán ratificar a demanda que presentaron no seu día por coaccións e acoso laboral, unha conduta que vinculan ás súas denuncias.
Pero este non é o único proceso xudicial no que está inmersa a institución cameral. Estes mesmos cinco traballadores presentaron outra denuncia xudicial. Esta vez polo que, entenden, son irregularidades na xestión dos bens da Cámara de Comercio e a presunta ilexitimidade dos cargos directivos, entre eles o seu actual presidente, Antonio Gómez Rivera. Unha cuestión sobre a que, recentemente, informaron á Consellería de Economía e Industria.
Estas dúas demandas súmanse ao proceso xudicial no que está inmersa a secretaria da Cámara, Charo Lorenzo. Este proceso, dirixido pola Fiscalía de Delitos Económicos, segue o seu trámite. Impútaselle un posible delito de negociacións prohibidas a funcionarios públicos. E, segundo as últimas informacións, non se descarta que o caso termine implicando a máis persoas, dentro e fóra do organismo cameral.