Cerdedo-Cotobade ten unha nova centenaria. Trátase de Marina Couto Pazos, unha veciña de Viascón que actualmente vive na residencia de Forcarei.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, desprazouse ata a residencia para felicitarlle os 100 anos a Marina e entregarlle, en nome da Corporación, un ramo de flores.
Ademais, compartiu con familiares e compañeiros de residencia momentos e lembranzas da parroquia.
Nesta celebración centenaria houbo tamén torta e non faltou a felicitación a través da típica canción de aniversario.
Despois da celebración, Cubela asegurou que atopou a Marina "moi ben, acompañada polos seus familiares e amigos".
"Sinto unha admiración especial polos nosos maiores porque grazas ao seu esforzo, nós, a nosa xeración, chegou a onde estamos e disfrutamos dun benestar ao que contribuíron eles co seu traballo", sinalou Cubela,
Tamén engadiu que adoita contar coas persoas maiores e a súa sabedoría popular "para aportar sentidiño cando as cousas se poñen difíciles".
Esa sensibilidade coas persoas maiores motiva que parte da súa política municipal vaia "orientada a axudar a resolver os seus problemas". Así, lembra que ampliaron as infraestruturas sociosanitarias de atención á terceira idade en Cerdedo e están construíndo un centro de día e unha residencia en Carballedo.